Vilalba Aberta mostra "perplexidade" pola instalación dunha pista de xeo
A formación municipalista mostrou a súa “sorpresa” co feito de que o goberno local vaia instalar a seis meses das municipais a mesma pista de xeo que a Renda se lle negou cando quixo traela como responsable de turismo no ano 2019.
Vilalba Aberta vén de facer pública a súa “absoluta perplexidade” coa última decisión da alcaldesa. E fíxoo logo de analizar polo miúdo a acta da última xunta de goberno e na que o executivo municipal (PSOE) ven de dar luz verde á instalación dunha pista de xeo para o Nadal.
Unha iniciativa que o voceiro da formación, Modesto Renda, desenvolvera e propuxera xa en 2019 como responsable de turismo e comercio (con VA aínda dentro do goberno), e que a propia alcaldesa e demais membros do PSOE botaron abaixo en base ao “elevado custo do mantemento e a instalación”.
“Dende VA non podemos máis que mostrar a nosa sorpresa co feito de que o goberno vaia instalar a seis meses das municipais a mesma pista de xeo que o PSOE nos denegou cando quixemos traela no marco da campaña de Nadal de 2019”, declarou.
Unha opinión compartida pola súa compañeira e vicevoceira de VA, Mª Xosé Fernández, quen ironicamente instou á Alcaldesa a explicar se “logo de tres anos nos que todo subiu de prezo, a instalación de pistas de xeo sae máis barata a medida que se achegan as eleccións”.
Dende VA tamén quixeron explicar diante da veciñanza o custo total que, para as arcas municipais, representará a vindeira instalación. Así, Renda cifrou en 42.565,50€ (sen contar os gastos indirectos) a cantidade total a asumir polo Concello e que inclúe o alugueiro, transporte e montaxe, así como o alugueiro da máquina enfriadora, os monitores e a vixilancia.
Un importante custe que tal e como explicou Renda debería supor, canto menos, a “total gratuidade para os nenos e nenas de Vilalba.”
Así mesmo, o voceiro de VA instou a Veleiro a recoller a idea que a el non se lle permitiu levar a cabo en 2019 de vincular a instalación da pista de xeo á Campaña de Promoción do Comercio Local, pola vía da entrega de pases gratuítos tamén ás familias de fóra de Vilalba, “sempre e cando consuman nos nosos negocios e tendas”, explicou.