Vilalba Aberta ofrécelle ao PSOE un pacto para aprobar os orzamentos
Vilalba Aberta volve tomar a iniciativa. 24 horas despois da celebración do Pleno Ordinario, a formación municipalista presentou un “documento base para un acordo orzamentario” que remate coa “inacción do Goberno en minoría do PSOE ao respecto dos grandes temas do Concello.”
En concreto, Vilalba Aberta ofrécelle ao goberno socialista un acordo de mínimos que contempla un total de 14 medidas disgregadas en 7 grandes bloques e que abarca dende as políticas para autónomos e familias traballadoras, ata os investimentos nas parroquias, o reforzo dos servizos públicos e o compromiso coa posta en marcha do Centro de Día, entre outros.
Tal e como explicou o seu voceiro municipal, Modesto Renda, "Que Vilalba teña Orzamentos é, ademais dunha obriga do Goberno, condición indispensable para a recuperación económica post covid. E diante da inacción, tocaba mover ficha”.
Renda, que contextualizou o paso adiante da formación no intento de evitar que o Concello de Vilalba sexa “o único da provincia sen orzamentos”, lembrou que “prorrogar por segundo ano consecutivo os orzamentos do PP é negativamente decisivo tamén en termos de políticas de inversión pois “apenas se vai executar, o que se traducirá noutro ano perdido para Vilalba, xusto no peor momento”.
AUTÓNOMOS E EMPRESAS
Logo de arrincar do goberno en minoría a negociación das bases do tan ansiado plan municipal de axudas directas autónomos e empresas, Vilalba Aberta proponlle ao Goberno que a partida consignada para este fin se contemple nuns orzamentos de recuperación. Un matiz que, tal e como explicou Renda, permitiría que a agardada inxección de crédito puidera ser máis ambiciosa que de executarse pola vía da incorporación de remanentes e contemplar novas convocatorias, se a situación económica o requirira coma consecuencia da Covid.
Así mesmo, o Grupo Municipal de Vilalba Aberta tratará de blindar que os negocios vilalbeses afectados polas medidas de cese temporal de actividades establecidas pola Xunta, se vexan beneficiados pola exección do pago das taxas de recollida do lixo, subministro de auga e saneamento, dende o 27 de xaneiro - día de entrada en vigor da orde autonómica - ao levantamento das restricións.
Unha medida, que tal e como recordou a vicevoceira da formación, Mª Xosé Fernández, “sumaríase ás exencións e bonificacións en taxas e impostos municipais decretadas polo Concello, cando Vilalba Aberta formaba parte do Goberno Municipal.”
Por último, o documento presentado inclúe orzamentar a revitalización e posta en valor do Mercado de Abastos que a formación sacou adiante no Pleno.
POLÍTICAS DE CONCILIACIÓN PARA AS FAMILIAS TRABALLADORAS
Aprobado no Pleno Ordinario de Xullo a iniciativa de Vilalba Aberta, o sistema municipal de cheques axuda para a conciliación volve a poñerse enriba da mesa na proposta da formación.
Unha iniciativa, complementaria ao Programa Municipal de axudas directas a autónomos e Pemes, en tanto que incidiría no necesario impulso á actividade económica no termo municipal (sector do ocio infantil / ludotecas), e cuxa finalidade non é outra que a de contribuír á necesaria conciliación da vida laboral e familiar no Concello.
A contía dos cheques axuda corresponderíase cun total por cheque/unidade familiar de 150€/mes no caso de un/unha menor; 300€/mes no caso de dúas/dous e 500€/mes no suposto de tres ou máis, sendo beneficiarias as familias onde a renda da unidade de convivencia non supere os 1500€ netos mensuais se ten un fillo/a ao seu cargo ou 1800€ netos mensuais con dous fillos ou máis.
Así mesmo dende Vilalba Aberta inclúese a posibilidade da posta en marcha dun servizo de transporte escolar público, na liña do demandado polas familias usuarias do servizo de madrugadores.
AUMENTAR AS INVERSIÓNS NAS PARROQUIAS
Pór fin a décadas de políticas de reparto de fondos municipais desiguais para o rural. Unha idea forza de Vilalba Aberta e o piar estratéxico da formación de cara á proposta de negociación.
Así, na proposta de Vilalba Aberta figura que a aplicación orzamentaria do Fondo de Compensación Ambiental – que financia o Canon Eólico – reverta directamente nas parroquias. Unha proposta, que Modesto Renda definiu como “prioritaria, de xustiza e de consenso” e que xa figuraba no acordo de mínimos entre PSOE e Vilalba Aberta, sen que fora respectado por parte da Concellería de Infraestruturas no contexto do Goberno de Coalición, pois, lembrou, “destináronse unha vez máis a unha actuación urbanística no seno do casco urbano”.
Os fondos, preto de 200.000€, transferidos pola Xunta aos municipios en función da cantidade de aeroxeradores instalados no seu territorio e da lonxitude das liñas de evacuación da enerxía xerada nos parques; permitirían que as 29 parroquias puideran verse beneficiadas de importantes actuacións de competencia municipal.
Ademais, dende Vilalba Aberta instan, así mesmo, ao Goberno a pactar a inmediata redacción dun Plan Municipal de Ordenación das actuacións sobre os diferentes camiños e pistas, co fin de superar a “ineficaz política de rebacheo”, pola vía do establecemento de criterios obxectivos que veñan a regular e orzamentar nunhas novas contas o conxunto de actuacións “por orde de prioridade.”
Darlle continuidade á progresiva rehabilitación das Casas Escola das parroquias, pola vía dun reaxuste no capítulo de subvencións, outro dos eixos da proposta.
REFORZAMENTO DOS SERVIZOS PÚBLICOS
Tal e como lembrou Mª Xosé Fernández, os orzamentos son “condición indispensable” de cara á renovación do contrato de recollida de lixo e limpeza viaria nos termos comprometidos. É por isto que, ao tempo que se censura a lentitude municipal en relación co proceso licitación, dende Vilalba Aberta inclúen no chamado á negociación que se consigne a partida para “un servizo público fundamental a reforzar e que está fóra de contrato dende Outubro”.
Un caso paralelo a este é o do comprometido reforzo do Servizo de Axuda no Fogar que, tal e como lembrou Fernández, “solicitamos contemplar nunhas novas contas en aras do equilibrio presupostario”.
Así mesmo, VA propón na súa proposta a delimitación dun fondo de compensación municipal, co fin de subvencionar o cobro dos recibos dos veciños afectados pola problemática da traida “toda vez que, se non se actúa, o problema volvera a repetirse.”
“Non se pode consentir que veciños de Vilalba se vexan na necesidade de elixir entre comprar garrafas para cociñar e lavarse, ou facelo na mesma auga turbia que, iso si, lles cobrarán igualmente a prezo de auga limpa”, lembrou a este respecto Renda.
PRIORIDADE PARA O CENTRO DE DÍA
Modesto Renda situou a “perspectiva da negociación dos orzamentos” como o mellor momento para actuar. A idea de Vilalba Aberta? Deixar prevista xa a consignación de crédito pactada e vincular, despois, á Deputación e á Xunta a fin de que a posta en marcha do centro poida ser unha realidade na presente lexislatura e cumprir, así, cun “compromiso ineludible.”
MUSEO DE PREHISTORIA E ARQUEOLOXÍA
Poñer fin á escaseza de recursos que dende hai anos ven padecendo o MUAPV, pola vía dun acordo que sexa quen de superar a actual situación de dependencia que a institución ten con respecto á Asociación de Amigos do Museo, esa é a penúltima pata da proposta de Vilalba Aberta.
“Chamamos a escoitar as demandas da dirección, ao tempo que reivindicamos a negociación dun acordo de consenso que, a través dun regulamento específico,
“blinde nunha cantidade fixa a partida anual de fondos aportada polo Concello”, apuntou a este respecto Renda.
Un verdadeiro Pacto Municipal que, agardan, asegure o presente e o futuro da institución, desvinculando dos vaivéns políticos a un emblema que sobrevive única e exclusivamente grazas ao esforzo dos seus responsables.
ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS
“O diñeiro do Concello é diñeiro que sae de todas e de todos, que sae do noso traballo, que sae dos nosos impostos, e sobre el tamén queremos decidir, decidir como debe ser xestionado e a que debe ser destinado.” Así explicou Renda a última das reivindicacións de Vilalba Aberta para a pretendida negociación.
A idea, que se asenta na propia dinámica e proceso de conformación do Orzamento, ten por obxectivo o de escoitar as demandas veciñais, das asociacións, das entidades e colectivos. Unha ferramenta de participación que, en base á proposta de Vilalba Aberta poría a disposición dos vilalbeses o 3% do total (arredor de 360,000€) para que sexan eles os que decidan onde e como gastar ese diñeiro.