Vilalba Aberta organiza un acto sobre saúde mental este xoves
Vilalba Aberta quere poñer no foco da política local a cuestión da Saúde Mental. Así o manifestou o portavoz da formación e actual tenente de alcalde do Concello de Vilalba, Modesto Renda.
Acompañado pola concelleira María Xosé Fernández e os membros da Coordinadora da formación municipalista Ana Paredes e Zeus Seijo, Renda presentou diante do centro de saúde da localidade unha primeira actividade que dende Vilalba Aberta quixeron facer coincidir co Día Mundial da Saúde Mental.
Un acto aberto á participación de toda a veciñanza, que terá lugar este xoves día 10 de outubro ás 20:30h no Hostal Restaurante Terra Chá e contará coa participación da psicoterapeuta infanto-xuvenil Elena Iglesias e da psicóloga experta en terapia familiar Leticia Río.
En palabras de Zeus Seijo, poñer o foco aquí na saúde mental “xa non é un deber, se non unha obriga moral” para rachar dunha vez co tabú que ten a sociedade para falar disto.
Dende a formación municipalista ven imprescindible aumentar a cociente de profesionais de psiquiatría, psicoloxía clínica, de enfermeiras especialistas en saúde mental e traballadoras sociais ata un mínimo de 10x100.000 habitantes, con énfases en fortalecer os programas de continuidade de coidados e os centros de saúde mental comunitarios e en todos os centros de Atención Primaria.
“A saúde mental debe ser un piar básico no sistema sanitario galego e neste senso a nosa reivindicación”, explicou Renda, ao tempo que animou á veciñanza a participar dun acto que, por enriba de todo, pretende visibilizar a problemática.