Vilalba Aberta pedirá a dimisión de Baamonde pola nave de Sancovade
Vilalba Aberta, en votación de urxencia da súa asemblea, aprobou por unanimidade a presentación dunha moción de reprobación contra o Alcalde, Agustín Baamonde, a fin de defender no vindeiro Pleno unha petición en firme de dimisión tanto ao rexedor coma ao responsable de urbanismo no Goberno de Vilalba. Unha decisión, que atopa explicación na recente consulta ao conxunto da documentación solicitada en relación ao deposito de camións de Sancovade e á que tan só puideron acceder logo de ameazar con levar ao Alcalde diante da xustiza.
“Meses e meses de traballo” - lembran dende a formación - “advertindo da situación de absoluta irregularidade levada a cabo nos terreos e a nave sobre os que se asentaba a anterior titularidade e meses e meses de mentiras e paus nas rodas á nosa labor coma oposición, co único fin de salvagardar os intereses opacos do PP e os seus amigos de ocultar e atrasar ao máximo a investigación sobre unha actividade empresarial absolutamente ilegal, tal e como arroxa a documentación de referencia, e que logo da traxedia acaecida o pasado mes de febreiro, continuaba e operar coma se nada coa continuada entrada e saída de vehículos de alta tonelaxe, o demostrable do movemento de terras na finca e maila existencia de persoal operario e en horas intempestivas no interior da nave”.
Na mesma liña se pronunciaba hoxe o seu voceiro e edil, Modesto Renda, explicando o porqué da decisión unánime da asemblea de Vilalba Aberta: “Isto non vai de obter de réditos políticos”,declarou. “Vai de devolverlle a dignidade ás nosas institucións e o prestixio a un Concello, o de Vilalba, diante dunha situación de absoluta gravidade onde un Goberno Municipal se saltou premeditadamente a lei para favorecer aos seus amigos, namentres os vilalbeses/as que loitan por sacar adiante os seus pequenos negocios con arranxo á legalidade, son tomados por parvos polos mesmos que prometeran representalos”
Para Renda, “este é un paso que tiñamos que dar, tanto se nos apoian o resto de grupos coma se non, porque o facemos de forma responsable”. Neste senso, lembrou “se un bota a vista atrás, pode darse conta de que como Vilalba Aberta actuou - en todo momento - ao respecto do que nos últimos meses veu a acontecer no deposito de camións de Sancovade, isto é: con decencia, prudencia e pedíndolle as explicacións oportunas a un Baamonde, que se revelou incapacitado polas súas propias contradicións ao non poder dicir unha verdade que, sabe, de facerse pública lle custaría o cargo”, sentenciou.
É por isto, que solicitarán, ademais, un informe urbanístico da zona co fin de que tamén a veciñanza poida chegar de primeira man ás conclusións ás que, logo de acceder aos arquivos municipais, chegaron dende a formación. Unhas conclusións, que confirman a consideración de núcleo a efectos de administración dos terreos que acollen o depósito, o que significa que Goberno Municipal ten dende xa as competencias para obrigar á retirada duns vehículos de alta tonelaxe (algúns deles calcinados) responsables - tal e como denunciou e reiteradas ocasións a veciñanza - dos malos cheiros, molestias constantes e a intolerable posición de risco que se derivan da existencia dun terraplén de escasos 10 metros entre a última ringleira de camións e a primeira casa.