Vilalba Aberta pedirá en pleno o arranxo de pistas en Carballido
Logo dunha visita a Carballido, a formación municipalista Vilalba Aberta vén de anunciar o rexistro dunha nova iniciativa demandando o arranxo de varios viais de titularidade municipal na parroquia.
Advirten do mal estado de pistas como as do Lugar da Pedreira, Lamelas e Penagrande e que dan serivizo a un total de dez vivendas, entre as cales se atopa un negocio de turismo rural, ademais de a varias fincas diariamente utilizadas pola veciñanza.
“Esta nova iniciativa supón a enésima chamada de atención ao goberno do PSOE en relación co estado da rede viaria municipal” censurou o voceiro municipal da formación Modesto Renda, non sen antes volver apuntar á responsabilidade da Alcaldesa, así como á do edil de infraestruturas Luís Fernández Álvarez.
Á parroquia, achegouse tamén a vicevoceira municipal de VA Mª Xosé Fernández quen, xunto á veciña da parroquia e novo membro da formación Nadia Río, agradeceu a confianza dos veciños/as de Carballido en Vilalba Aberta para canalizar as súas demandas.