Vilalba Aberta pedirá no Pleno a ordenación das obras nas parroquias

TerraChaXa
Vilalba Aberta segue a presentar iniciativas de cara á vindeira sesión ordinaria de Setembro.
business meeting 5395567_1920 e1596800177473
17 sep 2020

Vilalba Aberta segue a presentar iniciativas de cara á vindeira sesión ordinaria de Setembro. Un Pleno, a celebrar o vindeiro xoves día 1 e no que, tal e como apuntan dende a formación, “as problemáticas das parroquias volverán estar presentes a iniciativa de Vilalba Aberta”, logo das múltiples queixas e denuncias veciñais en relación ás deficientes actuacións do Goberno Municipal nas diferentes pistas da rede viaria de titularidade municipal.

Critican a “desorganización manifesta” e a persistencia da mesma arbitrariedade na toma de decisións que caracterizaba ao xeito de facer do Partido Popular, definindo a xestión do equipo de goberno en minoría do PSOE en Vilalba de “errática á par que continuísta” en tanto que “carente da mesma falta de planificación da que lexislatura tras lexislatura facía gala o PP”.

“As promesas de campaña deron paso ao máis do mesmo”, denunciou o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, ao respecto do que cualificou de “reiterado incumprimento do que a Agrupación Socialista levaba no Programa en relación coas parroquias” e que, censurou, “foi deliberadamente esquecido polo, agora, equipo de Goberno”.

A este respecto, e máis alá das referencias ao bloqueo do PSOE á iniciativa de Vilalba Aberta en relación co destino dos fondos do canon eólico (a formación pedía que reverteran directamente nas parroquias), ou á criticada xestión do mantemento e roza nas marxes das beiravías e que Vilalba Aberta canalizará tamén no vindeiro Pleno pola vía dunha interpelación directa á Alcaldesa; dende a formación faise especial fincapé na necesidade da aplicación de “criterios obxectivos” que veñan a regular e organizar a actuación sobre as múltiples pistas e accesos dependentes do Concello.

Unha “histórica reivindicación do PSOE na oposición e en campaña” que, tal e lembrou a este respecto Renda, “agora defende en solitario Vilalba Aberta”.

“Son moitos os veciños das parroquias que nos trasladan a súa indignación en relación co estado da rede viaria de titularidade municipal; mais o punto culminante que nos levou a tomar a iniciativa foi o comprobarmos de primeira man o resultante dalgunhas actuacións municipais, tales como a acometida sobre a estrada que o Goberno Local deixou a medias entre o Ventorro e a Parroquia de Oleiros, isto é: 5km dos cales aproximadamente unha quinta parte, o traxecto que vai dende o cruce da Frouxeira a Oleiros, segue exactamente como estaba” sentenciou.

Neste senso a proposta de Plan Municipal de Ordenación que defenderá no antedito Pleno Ordinario de Setembro. Unha proposición, que ten por obxecto superar da ineficaz “política de rebacheo” de PP e PSOE, pola vía de calendarizar tanto o orzamento como a atención inmediata aos casos máis urxentes, co fin de ter o Concello a marxe suficiente para planificar, utilizando sempre os medios propios dispoñibles e dándoselle a lóxica preferencia ás vías en peor estado.

0.33354210853577