Vilalba Aberta pedirá no Pleno investir nas parroquias os fondos do canon eólico

TerraChaXa
Vilalba Aberta defenderá no vindeiro Pleno Ordinario que a aplicación orzamentaria do Fondo de Compensación Ambiental – que financia o Canon Eólico - reverta directamente nas parroquias, a partires da vindeira anualidade.
19 Xul 2020

Vilalba Aberta defenderá no vindeiro Pleno Ordinario que a aplicación orzamentaria do Fondo de Compensación Ambiental – que financia o Canon Eólico - reverta directamente nas parroquias, a partires da vindeira anualidade. Unha proposta, que dende a formación definiron como “prioritaria”, “de xustiza” e de “consenso”, con vistas ao que resta de lexislatura 2019/23” e que tal e como lembraron na presentación, “figuraba no acordo de mínimos entre PSOE e Vilalba Aberta”, sen que “nin moito menos fora respectado por parte da Concellería de Infraestruturas no contexto do Goberno de Coalición.”

Os fondos (195.609,37€ na orde de decembro de 2019) transferidos pola Xunta aos municipios en función da cantidade de aeroxeradores instalados no seu territorio e da lonxitude das liñas de evacuación da enerxía xerada nos parques; permitirían así que as 29 parroquias de Vilalba puideran verse beneficiadas de importantes actuacións de competencia municipal, tales como a necesaria rexeneración e mellora de pistas; o acondicionamento dos accesos; o abastecemento de auga e a renovación das súas redes de distribución; a adquisición de maquinaria destinada ao mantemento e á roza; así como a melloras no conxunto do sistema de alumeado público e da xestión de residuos, entre outros.

Nesta liña se pronunciou o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, explicando que o decreto do canon eólico especifica que os fondos financiados deben reverter en “actuacións de conservación e mellora ambiental”, particularidade pola cal, dende Vilalba Aberta, se incide na idea de priorizar aquelas actuacións que teñan por obxecto unha “mellora das múltiples pistas e camiños da extensa rede viaria de titularidade municipal, orzamentando a atención inmediata aos casos máis urxentes e complementando, se fora preciso, a reivindicada aplicación orzamentaria con fondos propios dispoñibles, co fin de solucionar a situación ata onde sexa posible, dándose preferencia sempre ás vías en peor estado.”

A este respecto, e tal e como lembrou Renda, dende Vilalba Aberta, instarán tamén ao Goberno en minoría do PSOE en Vilalba, á “inmediata redacción dun Plan Municipal de Ordenación das actuacións sobre os diferentes camiños e pistas”, co fin de superar a “ineficaz política de rebacheo”, pola vía do establecemento de criterios obxectivos que veñan a regular e organizar o conxunto de actuacións reivindicadas.

Unha argumentación compartida pola súa compañeira de grupo e concelleira de Vilalba Aberta, Mº Xosé Fernández, que, acerca dos criterios de investimento destes fondos, lembrou que sempre deberan responder á filosofía que inspira o decreto do canon, e que insta a “mellorar as zonas nas que se sitúan os parques eólicos, así como as localizacións que ven afectadas polo traballo diario das compañías que se ocupan do seu funcionamento, vixilancia e conservación.” É por isto que, ao tempo que lamentou que os fondos relativos á presente anualidade se destinaran “unha vez máis” a unha actuación urbanística no seno do casco urbano; reivindicou a importancia dunha iniciativa “encamiñada a comezar a poñermos fin a décadas de políticas de reparto de fondos desiguais para o rural", pola vía de convencer aos demais grupos con representación na corporación “da importancia estratéxica dunhas parroquias, que deben volver a ser o eixo económico e fundamental sobre o que se vertebre o noso Concello”, sentenciou.

0.13861799240112