Vilalba Aberta pide ao Concello que asuma a súas responsabilidades co Mupav

TerraChaXa
Vilalba Aberta levará ao Pleno ordinario de setembro a “inaceptable” situación que se deriva do “absoluto deixamento de funcións” do Concello de Vilalba, ao respecto das súas responsabilidades co Mupav (Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba).
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
11 Ago 2020

Vilalba Aberta levará ao Pleno ordinario de setembro a “inaceptable” situación que se deriva do “absoluto deixamento de funcións” do Concello de Vilalba, ao respecto das súas responsabilidades co Mupav (Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba).

Unha realidade, que dende a formación cualifican de “insostible” e que, tal e como denunciou na mañá de hoxe o seu voceiro municipal, Modesto Renda, “acadou o límite do tolerable” nos días posteriores á inundación ocasionada pola rotura dunha tubaxe o pasado día 13 de xullo.

O incidente, que danou a maioría dos chans do museo, así como as portas e paneis das paredes, obrigou á dirección do Museo a buscar unha fórmula para poder abrir ao público, pois – explica Renda – logo das continuadas chamadas e solicitudes “só atoparon do Concello a autorización verbal da alcaldesa, de cara á adquisición e instalación dun sistema de alfombras de caucho, sufragadas pola Asociación de Amigos do Museo”.

A este respecto, o voceiro asembleario cualificou de “intolerable” que, “do mesmo xeito que acontecía cos gobernos do PP”, teña que ser a sociedade civil, ante a “desidia e inacción do equipo de goberno”, a que “asegure a prestación dun servizo público”, pola vía da posta en marcha dun precario sistema de acceso que, “se non se actúa de inmediato, o paso do tempo converterá en permanente”, remarcou.

“A conservación e mantemento do edificio é unha obriga que Concello desatendeu durante demasiado tempo, co consecuente deterioro da infraestrutura. E se o desleixo do actual goberno en minoría do PSOE ameaza con empeorar máis se cabe a situación, Vilalba Aberta non vai consentilo”, sentenciou.

Na mesma liña se pronunciou a número dous da formación, Mª Xosé Fernández, lembrando que a maioría dos turistas que chegan a Vilalba visitan o Mupav e a imaxe que ofrece o edificio “é dun total e absoluto abandono”. Un aspecto, lamenta, que se suma ao “nulo interese” por parte dos “inxentes recursos patrimoniais abandonados en vila e parroquias”.

É por isto que urxirán ao Goberno do PSOE a “asumir as súas obrigas no que ten que ver co mantemento dos espazos públicos que ocupa o MUPAV, a fin dunha “axeitada prestación do servizo público”, así coma de cara a “velar pola correcta conservación do patrimonio histórico do Concello”

PACTO MUNICIPAL

“Poñer fin á escaseza de recursos que dende hai anos ven padecendo o Mupav, pola vía dun grande acordo municipal que sexa quen de superar a actual situación de dependencia que a institución ten con respecto á Asociación de Amigos do Museo”, esa é a outra finalidade da iniciativa que Vilalba Aberta defenderá no vindeiro Pleno Ordinario.

“Chamamos a escoitar as demandas da dirección, ao tempo que reivindicamos a negociación dun acordo de consenso que, a través dun regulamento específico, “blinde nunha cantidade fixa a partida anual de fondos aportada polo Concello”, apuntou a este respecto Renda.

Un verdadeiro Pacto Municipal que dende a formación, agardan, “asegure o presente e o futuro da institución, desvinculando dos vaivéns políticos a un emblema que sobrevive única e exclusivamente grazas ao esforzo dos seus responsables.”

Na mesma liña, urxirán ao Goberno a emendar as deficiencias en forma de filtracións de humidade. Unha “incumprida promesa do Goberno” que dende Vilalba Aberta consideran de “absoluta prioridade” a fin de que “nin o patrimonio bibliográfico nin o arqueolóxico sufran ningún tipo de dano.

0.18819808959961