Vilalba Aberta preguntará no Pleno pola roza das beiravías e cunetas
O Grupo Municipal de Vilalba Aberta quere tomar a iniciativa ao respecto dos problemas que máis preocupan nas parroquias. E faino, desta volta, co obxectivo de que o goberno do PSOE dea conta diante da veciñanza ao respecto dos criterios, actuacións e calendario dos traballos de roza e limpeza de beiravías e cunetas no conxunto da rede viaria de titularidade municipal. Así, o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, interpelará directamente á Alcaldesa en relación cun novo asunto de fundamental importancia para os veciños/as do rural.
Preguntarán polo “actual sistema de planificación municipal” en relación cunha serie de actuacións que, tal e como lembraron hoxe, “normalmente se viñan desenvolvendo sempre nas mesmas datas” e cuxo “resultado” - explican - fixo que se intensificara o malestar entre a veciñanza de varias parroquias.
“As labores de roza e limpeza viaria deberan responder a criterios obxectivos ben xustificados e, por suposto, circunscribirse sempre a un calendario e a unhas previsións claras e publicitadas”, apuntou un Modesto Renda, que lamentou especialmente que no Concello de Vilalba en ningún momento se fixeran públicas.
Na mesma liña se pronunciou a súa compañeira e vicevoceira de Vilalba Aberta, Mª Xosé Fernández, contextualizando a importancia dos traballos de roza “tanto en termos de seguridade viaria como en termos de mellora estética en beneficio de veciños/as e visitantes”.