Vilalba Aberta presenta a candidatura completa ás vindeiras eleccións

TerraChaXa
Vilalba Aberta presentará ás próximas eleccións unha candidatura moi renovada que incorpora ata 8 caras novas con respecto a 2019
CANDIDATURA VILALBA ABERTA
2 Feb 2023

Vilalba Aberta ven de facer públicos os nomes dos 20 veciños/as que darán forma á listaxe da súa candidatura de cara ás vindeiras Eleccións Municipais. O anuncio, que chega logo do publicado o domingo e relativo ao nomeamento de Modesto Renda coma Candidato á Alcaldía, revela unha lista moi renovada que incorpora ata 8 caras novas con respecto á presentada en 2019 e que destaca polo importante peso das mulleres (12 mulleres e 8 homes), sendo este protagonismo de especial relevancia nos primeiros postos da Candidatura.

Así, o número 2 será de novo para María Xosé Fernández Pardo, actual concelleira e vicevoceira municipal da formación. Administrativa na empresa privada, ten 56 anos e, aínda que naceu e reside en Vilalba, mantén unha especial vinculación coa parroquia de Alba, en tanto que lugar onde residen os seus pais. Fernández forma parte de Vilalba Aberta dende a súa asemblea fundacional e participa activamente do tecido asociativo vilalbés pola vía da súa afección á música tradicional galega. 

Séguea no número 3 Tamara Rodríguez López, traballadora autónoma de 42 anos e actual responsable de Emprego e Desenvolvemento Local na coordinadora de VA.

No número 4 repite Mónica González Fernández (52). Asturiana, reside en Vilalba dende hai 20 anos e é persoal laboral no sector público e actual responsable de organización da formación.

Tamén repite no número 5 Carlos Xosé Currás. De Vilalba, 56 anos é administrativo no sector público e, dende o pasado ano, é o responsable de urbanismo en VA.

A primeira cara nova con respecto á lista presentada hai catro anos vémola xa no posto número 6, coa presenza de Ana Paredes Rodríguez. Veciña de Oleiros, ten 36 anos, é funcionaria interina de xustiza e, durante anos, foi unha das caras máis visibles da Asociación Protectora de Animais “Os Peludiños” de Vilalba.

Na sétima e oitava posición aparecen o bombeiro forestal Luís Barrio Díaz (51 anos e veciño de Noche) e a segunda novidade da candidatura, a autónoma e agricultora Nadia Río de 30 anos e veciña de Carballido. 

A seguinte novidade atopámola no posto número 9 coa presenza de Inés Poupariña Naseiro. Estudante de xornalismo, Poupariña é veciña da parroquia de Mourence e é a candidata máis nova da lista de VA con 19 anos. 

Nos números 10 e 11 figuran a traballadora do Servizo de Axuda no Fogar, María Xesús Ferreiro e a cuarta novidade da formación, Francisco Roca Fernández de 27 anos e traballador na empresa privada.

Repiten na lista de VA a Educadora Social María Pérez Iravedra (33); Iria Currás Gato, Licenciada en Historia da Arte e activista LGTBI de 32 anos, e o traballador na empresa privada Xosé Lois Paz, nos postos 12, 13 e 14 respectivamente.

Nos números 15, 16 e 17, atopamos outras tres caras novas, coa presenza do coñecido cantante e autónomo vilalbés David Fanego Arenas; da veciña de Román e traballadora na empresa privada Yolanda Castro e do informático vilalbés Zeus Seijo Formoso.

Pechan a lista última novidade de VA, a veterinaria Susana Pérez; a mestra xubilada e recoñecida escritora, María Xosé Lamas (Vilapedre) e o traballador xubilado Jorge Valverde Rico.

0.20497989654541