Vilalba Aberta presenta propostas para o inicio de curso escolar
Vilalba Aberta fai súas as demandas das familias de vila e parroquias, en base á preocupación polo comezo do curso escolar 2020/2021. Un marco de reivindicacións, así mesmo, compartido polo conxunto da comunidade educativa vilalbesa, na liña do denunciado polas diferentes asociacións de Nais e Pais.
Censuran a “total falta de planificación” por parte das administracións local e autonómica, logo de varios meses cos colexios pechados e a inminente volta ás aulas “en pouco máis de 10 días”, o que, ao xuízo da formación, significa que “calquera medida que se poida poñer en marcha chega manifestamente tarde”.
“As nais e pais deberan contar xa con información suficiente para poder afrontar un comezo de curso seguro, ao tempo que a fin de poder organizarse tendo garantidas as máis elementais medidas de conciliación familiar e laboral”, apuntou a este respecto o voceiro municipal da formación, Modesto Renda.
Neste senso, e máis alá da crítica á que cualifican como “nefasta actuación da Xunta de Galicia”; dende Vilalba Aberta poñen o foco na “inacción” do Goberno Local, en termos de políticas que, denuncian, “son da súa competencia”.
Unha “total falta de organización” por parte do equipo de goberno local que, ao xuízo de Renda, “vai supor un incremento no gasto para as familias nun contexto económico, xa de por si, comprometido pola actual crise derivada da aparición do virus.”
“Existe un risco evidente de que a nai ou o pai deixen o seu traballo para atender ao coidado das fillas e fillos, ou mesmo que se plantexe o abstencionismo como medida drástica para protexer aos nenos/as e familias, primando o dereito á saúde fronte ao dereito á educación, que é obriga das administracións garantir”, denunciou a este respecto a vicevoceira e tamén edil da formación, Mª Xosé Fernández.
É por isto que, a través da Comisión Informativa de Educación, así como pola vía dunha iniciativa ao Pleno na vindeira sesión ordinaria de setembro, Vilalba Aberta presentará diante dos grupos con representación unha batería de propostas “de competencia netamente municipal”, con vistas, nos casos que requiran de financiamento específico, á súa “inmediata incorporación nos Orzamentos Municipais de 2021.”
MADRUGADORES
Tal e como denunciou Modesto Renda, “o Goberno Municipal non pode mirar para outro lado agardando que as ANPAS asuman competencias que son municipais”.
É por isto, que dende Vilalba Aberta instarán ao equipo de Goberno a exercer as súas responsabilidades, tomando a iniciativa pola vía da inmediata clarificación do que ten pensado facer ao respecto do Servizo de Madrugadores de cara ao curso 2020/2021, ou, no seu caso, consensúe coas direccións dos centros, ANPAS e Ludotecas unha solución (prometida) superadora da transitoria levada a cabo no 19/20, priorizando sempre aquelas fórmulas que ofrezan mais facilidades para as familias, ao tempo que seguridade para as nenas e nenos no actual contexto de pandemia.
CHEQUES AXUDA Á CONCILIACIÓN
Aprobada no Pleno Ordinario de xullo a iniciativa de Vilalba Aberta, a posta en marcha da proposta de sistema municipal de cheques axuda á conciliación para o presente curso, incidiría no necesario impulso á actividade económica no termo municipal (sector do ocio infantil / ludotecas), ao tempo que contribuiría decisivamente á conciliación da vida laboral e familiar das nais e pais de vila e parroquias.
A contía dos cheques axuda corresponderíase cun total por cheque/unidade familiar de 150 euros ao mes no caso de unmenor; 300 euros mes no caso de dous e 500 euros ao mes no suposto de tres ou máis, sendo os beneficiarios os proxenitores ou titores legais de nenas e nenos que acrediten o cumprimento dos seguintes requisitos:
1º- Que a/o menor estea empadroado/a en Vilalba e que tanto a nai/pai solicitante ou o/a titor legal estean empadroados e teñan a súa residencia habitual no Concello de Vilalba. No caso de separación ou divorcio este requisito só será esixible a/ o proxenitor/a que tivese a garda e custodia.
2º-Que a renda da unidade de convivencia non supere os 1500€ netos mensuais se ten un fillo/a ao seu cargo ou 1800€ netos mensuais con dous fillos ou máis.
3º- Que non se dispoña de bens inmobles, distintos á vivenda habitual, sobre os que se posúa un dereito de propiedade, que, polas súas características, valoración, posibilidade de explotación ou venda, indique a existencia de medios suficientes para atender a necesidade para a que se solicita o cheque.
4º- Que no contexto dunha parella, ámbolos dous membros da unidade familiar traballen fóra do fogar e en horarios coincidentes.
A iniciativa, que atopa fundamento legal nos artigos 25 de la Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime local e 17 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, financiaríase con cargo á aplicación orzamentaria de arredor de 160.000€, no primeiro ano, con vistas a ter continuidade en base ao volume de solicitudes contrastadas, quedando así, limitada e vinculada nos sucesivos exercicios a un máis axustado importe consignado para esta finalidade, pola vía dunha partida específica nos Orzamentos Xerais da corporación no que resta de lexislatura 2019/23, no marco do reivindicado Plan de Conciliación do Concello de Vilalba.
CAMIÑOS ESCOLARES
A proposta de Vilalba Aberta, empraza, así mesmo, ao Goberno ao establecemento de medidas que contribúan á mobilidade das familias, así como á mellora da seguridade viaria na contorna dos centros educativos.
Ademais, e en base á actual situación sanitaria, dende a formación urxen ao equipo de goberno a pór en marcha, xa dende o comezo do curso, a iniciativa "Camiños escolares", isto é: a delimitación de roteiros peonís seguros que, procurando a colaboración de Protección Civil, así como coa axuda de “acompañantes escolares dos camiños", permitan que as nenas e nenos poidan acudir a pé ao colexio acompañados dos seus compañeiros e compañeiras, promovendo, así, un xeito de vida saudable, ao tempo que se fomenta a autonomía dos menores e se minora o risco de contaxio.
POSTURA COMÚN E DE CONCELLO DIANTE DA XUNTA DE GALICIA
No relativo a aquelas cuestións que exceden ao marco de competencias do Concello, Vilalba Aberta móstrase igualmente esixente, urxindo á Alcaldía liderar unha postura “común e de Concello” a fin de reclamar do Xunta de Galicia o deseño dun novo protocolo consensuado co conxunto da comunidade educativa coa suficiente dotación económica e a previsión de suficientes medios materiais e humanos, que permita minimizar os riscos de contaxio e entre as que destancan as seguintes reivindicacións:
1ª- A contratación de docentes e profesores de apoio.
2ª- O desdobramento de aulas , habilitando novos espazos (escolas rurais) de xeito que se poida garantir a distancia de seguridade entre o alumnado.
3ª- A creación de tutas seguras de transporte escolar e, no caso dos Centros de Infantil e Primaria de Vilalba, que permitan evitar mesturar alumnos/as dos tres centros.
4ª- Dotar dos suficientes recursos con carácter extraordinario para garantir a limpeza e desinfección dos centros, comedores e medios de transporte escolar, así como para o abastecemento de máscaras e xel hidroalcólico destinado ao uso no centro.
5ª- A posta en marcha dun plan de dixitalización do alumnado de xeito que se garanta a igualdade de oportunidades para todas e todos os alumnos.
6ª- O deseño dunha liña autonómica de axudas á conciliación familiar e laboral dirixidas a empresas e familias, de xeito que se garantan medidas de conciliación familiar; que ofrezan solucións en caso do peche de colexios derivados da aparición de posibles brotes e contribúan a reducir a máis que probable brecha da desigualdade entre homes e mulleres que se vai a producir derivada da actual situación de pandemia.