Vilalba Aberta presenta un plan de axudas a autónomos
Vilalba Aberta volve tomar a iniciativa. Un mes despois de que o Pleno acordara por unanimidade a constitución dunha mesa de partidos encamiñada a negociar as bases do tan ansiado Plan Municipal de axudas directas autónomos e empresas; a formación asemblearia vén de presentarlle ao goberno do PSOE unha nova proposta en firme que, tal e como explicou hoxe o seu voceiro municipal Modesto Renda “parte da inequívoca vontade de chegar ao necesario consenso e desbloquear a situación de parálise”, toda vez que se “cumpra coa outra parte fundamental do acordo e se lle dea voz aos sectores afectados.”
Unha urxente inxección de crédito, que baixo o nome de Programa Municipal de axudas directas a Autónomos e Pemes, Renda propuxo xa en Maio de 2020 e sen éxito, como responsable da área de comercio no seno do goberno de coalición, e, logo de que o PSOE decidira poñer fin ao pacto; O Grupo Municipal de Vilalba Aberta defendeu e conseguiu, por dúas veces sacar adiante en Pleno, aínda que sen efectos na práctica en base ao “inexplicable bloqueo do Goberno Local.”
“Algo está a fallar cando o titular da última sesión ordinaria é a constitución dunha mesa negociadora, cuxo obxectivo non é outro que o de redactar as bases reguladoras dunhas axudas, non unha, senón dúas veces, aprobadas polo pleno, a iniciativa do noso Grupo Municipal”, lembrou a este respecto un Renda, que “por responsabilidade” preferiu non entrar a valorar o borrador que o propio goberno avanzou esta semana en prensa, lembrándolle ao PSOE “o fundamental de non poñer o carro antes que os bois”; máis se cabe – explicou – logo de “sete meses de bloqueo e desinformación” ao respecto dunhas axudas directas que, “agás o equipo de goberno, todo Vilalba reivindicaba como urxentes”.
A PROPOSTA
Presentada por rexistro, acompañada dunha contrastada e detallada memoria económica e de tramitación, a proposta de Vilalba Aberta parte dun concepto subvencionable, que se basea no cesamento de actividade (peche de establecementos) obrigatorio, a reapertura posterior e o mantemento da actividade empresarial ata o 30 de setembro de 2021. .
Así, axudas previstas outorgaríanse ata esgotar un total orzamentado de 430.000€, isto é; o resultante de sumar os 350.000€ acordados polo Pleno e os 80.000€ consignados “e esquecidos” para tal fin polo propio goberno local na modificación de crédito de Xullo de 2020.
CONTÍA DAS AXUDAS
Tal e como explicou Renda, o programa distinguiría cinco liñas de axudas ben diferenciadas, en base ao impacto económico provocado polos sucesivos peches que lle seguiron ao disposto no Real Decreto polo que se decretou o Estado de Alarma.
Neste sentido, concederíase unha contía fixa segundo o epígrafe do IAE no que se encadre a actividade sendo, en ámbalas cinco liñas, ampliables en 350 € por traballador/a ao seu cargo e en 200 euros por cada 10% (tramo) de merma na facturación, en relación coa correspondente á anualidade 2019.
Cando a persoa física ou xurídica non leve de alta os meses naturais esixidos para acreditar a redución dos ingresos, a valoración levarase a cabo tendo en conta o balance de ingresos e gastos no contexto do período de actividade. Así por cada 10% de déficit concederase un extra de 200 euros.
Este requisito xustificaríase a través dunha declaración xurada que acompañaría á instancia presentada e xunto coa documentación requirida.
LIÑA DE AXUDA “A” (Servizo de alimentación en cafés e bares (con e sen comida) e servizos de Hospedaxe)
- Importe fixo de 1.200 euros, ampliables a 200€ por cada 10% de merma na facturación, en relación co correspondente á anualidade 2019 (ou por cada 10% de déficit no balance de ingresos/gastos no tempo total da actividade) e en 350€ por traballador/a. O límite subvencionable sería de 5.000€
LIÑA DE AXUDA “B” (Centros deportivos tales como ximnasios e escolas de perfeccionamento do deporte, academias de baile etc..)
- Importe fixo de 950 euros, ampliables a 200€ por cada 10% de merma na facturación, en relación co correspondente á anualidade 2019 (ou por cada 10% de déficit no balance de ingresos/gastos no tempo total da actividade) e en 350€ por traballador/a. O límite subvencionable será de 3.000€.
LIÑA DE AXUDA “C” (Comercio polo miúdo de produtos industriais non alimenticios en establecementos permanentes e comercio mixto ou integrado realizado fóra dun establecemento)
- Importe fixo de 750 euros, ampliables a 200€ por cada 10% de merma na facturación, en relación co correspondente á anualidade 2019 (ou por cada 10% de déficit no balance de ingresos/gastos no tempo total da actividade) e en 350€ por traballador/a. O límite subvencionable será de 1.500€.
LIÑA DE AXUDA “D” (Actividades de ensino que non son susceptibles de prestarse por medios de tele-formación, tales como Ludotecas e Xardíns de recreo.)
- Importe fixo de 2000 euros, ampliables a 200€ por cada 10% de merma na facturación, en relación co correspondente á anualidade 2019 (ou por cada 10% de déficit no balance de ingresos/gastos no tempo total da actividade) e en 350€ por traballador/a. O límite subvencionable será de 5.000€.
LIÑA DE AXUDA ESPECIAL “E”
Asemade, establécese un importe fixo de 3.000 € para aquelas actividades nas que se entende que o impacto negativo foi superior e que se corresponden cos seguintes sectores:
- Sector do ocio nocturno.
- Sectores cuxa actividade estea relacionada cos eventos de vodas.
- Sector das verbenas, festas maiores e profesionais vinculados.
Do mesmo xeito que nas outras catros, a contía fixa delimitada poderá verse incrementada en 200€ por cada 10% de merma na facturación, en relación co correspondente á anualidade 2019 (ou por cada 10% de déficit no balance de ingresos/gastos no tempo total da actividade); en 350€ por traballador/a e o límite subvencionable será de 6.000€.
REQUISITOS
No relativo aos requirimentos, a memoria de tramitación presentada por Vilalba Aberta incorpora a esixencia de que o balance correspondente á anualidade 2020, acredite unha rentabilidade negativa, isto é: que os gastos derivados da actividade empresarial superaran aos ingresos e, en consecuencia, esta incorrera en perdas, en tanto que “mellor indicador da necesidade ou non dunha axuda directa con cargo orzamentario á administración local.”
Con todo, e cando a persoa física ou xurídica non leve de alta os meses naturais esixidos para acreditar a redución dos ingresos, a valoración levaríase a cabo tendo en conta o balance de ingresos e gastos no contexto do período de actividade, tendo este que incorrer en déficit para poder acceder á subvención.
Ademais, e tal e como explicou Renda, a facturación anual acreditada en ningún caso pode superar os 500.000 euros e inclúese, como condición indispensable no caso de autónomos/as, estar afiliado e coa alta en vigor, como mínimo, 5 meses despois da declaración do estado de alarma, isto é: o 14 de Agosto de 2020.
Así mesmo, e tal e como lembran dende a formación, a base legal que as sustenta faría a estas axudas totalmente compatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso procedente doutra administración, así como con aquelas incluídas en calquera outro plan executado previamente dende o Concello.