Vilalba Aberta presenta un plan de revitalización do Mercado de Abastos

TerraChaXa
A menos dunha semana da celebración do Pleno Ordinario, Vilalba Aberta vén de presentar un proxecto de revitalización do Mercado de Abastos. 
praza abastos mercado vilalba
20 Mar 2021

A menos dunha semana da celebración do Pleno Ordinario, Vilalba Aberta vén de presentar un amplo proxecto de revitalización e posta en valor do Mercado de Abastos.  Unha proposta en firme que, tal e como confirmaron, veñen de facer chegar ao equipo de goberno e a través da que pretenden “pór fin a cinco anos de incomprensible abandono e desleixo municipal por parte de PP e PSOE”.

Tal e como lembrou o seu voceiro, Modesto Renda, “a reforma realizada en 2016, cun investimento de 200.000 euros, contrasta co total deixamento e co feito de que só se mantén un dos catro postos que funcionaban cando as instalacións foron arranxadas e os negocios se trasladaron da planta baixa.”

Unha preocupación compartida pola súa compañeira e vicevoceira municipal da formación, Mª Xosé Fernández, quen contextualizou “as potencialidades dun mercado de abastos vivo”, nos resultados obtidos en termos de beneficio para o pequeno comercio naquelas localidades onde as prazas de abastos “se coidaron e os postos se abriron a máis sectores que o de alimentación.”

ACCESOS

Tal e como explicou o que fora número cinco de Vilalba Aberta nas pasadas eleccións municipais, Carlos Xosé Currás “é de lamentar a falta de planificación nas obras de humanización da Rúa dos Castros e confluencias no sentido de non lle dar continuidade a Rúa dos Pepes na travesía coa rúa Chao Ledo con algún tipo de empedrado adecuado ao uso para por en valor os accesos ao Mercado Municipal, actualmente en clara vía de degradación e moi necesitado de melloras na súa contorna.”

Unha “mínima actuación”, a través da que a formación proporá no Pleno semipeonalizar os accesos ao Mercado e mellorar así o paso dos peóns nas inmediacións dun cruce no que os vehículos procedentes da avenida Terra Chá adoitan baixar a bastante velocidade, ao tempo que os procedentes da Rúa de Galicia toman a curva sen visibilidade, co evidente risco que isto implica.

“Actualmente a vila ten un gran déficit de zonas peonís ou semi-peonís e cada día que pasa e cada obra que se acomete sen ter en conta a mobilidade urbana é unha clara ocasión perdida”, remarcou Currás no contexto da presentación

PRACEIROS

O proxecto de Vilalba Aberta implica, en segundo termo, unha argumentada modificación da ordenanza reguladora, respectando os tres tipos de postos fixos, mais pasado a pagar os arrendatarios respectivamente, ao mes, de 10 a 3, de 7 a 2, e de 4 a 1 euros por cada metro cadrado ocupado.

Así mesmo, e tal e como se encargou de lembrar Renda, seguiríase mantendo a posible presenza de vendedores eventuais, mais estes estarán exentos de pagar por metro lineal cada día que acudan. Ademais, e tal como explicou, os primeiros tempos estarían exentos de pago, pois a modificación da ordenanza permitirá que os vendedores que necesiten afrontar uns gastos antes de empezar a súa actividade – segundo o investimento realizado (1.000 euros ou menos, de 1.000 a 1.500 ou máis de 1.500) – se vexan beneficiados por unha exención do pago decretada polo Concello que durará dous anos, dous e medio e tres anos respectivamente.

PRODUTOS

Facer da Paza de Abastos o centro permanente da distribución directa de produtos ecolóxicos e de proximidade no Concello. Esa é a terceira idea forza da proposta de Vilalba Aberta. Un obxectivo, para o que propoñen que os veciños vendedores/as (tanto fixos coma eventuais) deste tipo de produtos queden permanentemente exentos de pagar por metro lineal cada día que acudan.

O cuarto eixo da proposta de Vilalba Aberta parte da posibilidade de inclusión dunha oferta que vaia máis alá da venda exclusiva de alimentos perecedoiros, como carnes, peixes, froitas, verduras ou hortalizas.

“Queremos facer do Mercado un lugar vivo onde os veciños/as poidan ir comprar a postos tradicionais de alimentación; pero tamén a comer, a tomar un café ou o aperitivo, mercar artesanía, degustar produtos frescos ou a asistir a unha cata ou a unha charla sobre o mundo do viño, por exemplo.” Apuntou Renda.

HORARIOS

Dende Vilalba Aberta proponse como quinto obxectivo o de permitir e bonificar, quedando ese tramo exento de pago por metro lineal, a apertura en horario de tardes polo menos un par de días por semana, o que ao xuízo de antigos praceiros favorecería a chegada de clientes novos que, polo seu horario laboral, non poden comprar polas mañás. Un engadido que xa mostrou resultados noutros concellos e vilas e que, dende a formación cualifican de fundamental. 

Tal e como lembrou Carlos Currás, “cómpre entender como prioridade municipal, tamén, outras demandas sinaladas polos antigos praceiros no que ten que ver co acondicionamento das instalacións e a mellora das condicións de confort interno”.

E é por isto que a última pata do proxecto de Vilalba Aberta se artella en torno, entre outras, á eliminación das barreiras arquitectónicas para facilitar o tránsito das persoas con mobilidade reducida e ao continuado mantemento e coidado do conxunto das instalacións

A organización municipal de actividades para dinamizar as vendas e o apoio e reforzo das iniciativas que leven a cabo os praceiros/as para dinamizar o propio mercado e atraer a nova clientela, completan unha proposta integral que, dende a formación tratarán de sacar adiante no Pleno, para, unha vez estea aprobada, incluír como punto na “negociación pendente” de cara á aprobación duns Orzamentos Municipais para a anualidade 2021.   

0.16332697868347