Vilalba Aberta presenta unha proposta de "xestión municipal" do servizo de comedor do IES Basanta Silva

TerraChaXa
A asemblea de Vilalba Aberta ven de presentar a súa primeira proposta ao Pleno de cara a o ordinario deste mes de setembro e faino logo de ter saído a luz pública a posibilidade de que o servizo de comedor do IES Basanta Silva, poidera ser xestionado de xeito indirecto por unha empresa privada de Catering de Salamanca.
21 sep 2017

A asemblea de Vilalba Aberta ven de presentar a súa primeira proposta ao Pleno de cara a o ordinario deste mes de setembro e faino logo de ter saído a luz pública a posibilidade de que o servizo de comedor do IES Basanta Silva, poidera ser xestionado de xeito indirecto por unha empresa privada de Catering de Salamanca. A iniciativa, relativa á garantía da xestión directa diante da posibilidade de que o servizo de comedor de calquera cal fora o centro educativo do Concello corra a cargo dunha empresa allea, busca o compromiso vinculante do Goberno Municipal no caso de existir ese risco e conta entre as súas liñas vermellas coa da centralización das compras baixo criterios ecolóxicos e de proximidade, ademais da dunha contratación directa de persoal pola vía dun concurso público, aberto e publicitado.
A normativa en vigor no tocante á xestión dos comedores escolares prevé a posibilidade da xestión municipal pola vía da formalización da firma dun convenio. É por isto, que dende a formación consideran fundamental que diante da posibilidade de calquera outra fórmula, o Concello sexa quen asuma o control defendendo este modelo e entendendo a xestión da alimentación do alumnado “coma un servizo público e non como un ben de negocio co que engrosar as contas de empresas alleas aos intereses da veciñanza e a da contorna.”
Para Modesto Renda, “Os beneficios directos e inmediatos da medida poñeríanse de manifesto tanto na calidade da alimentación e a saúde do alumnado, coma no prezo sobre os menús e o conseguinte desafogo para as familias do municipio, ademais de supoñer un pulo para a propia economía local, redundar no noso sector primario, na conservación do medio ambiente e no que ten que ver coa xeración de emprego estable e duradeiro no conxunto do termo municipal.”
Neste senso se pronunciará, nunha sesión plenaria prevista para o xoves 28 e que, tal e como apuntan dende a súa asemblea, con seguridade se posporá para o seguinte martes.

0.21813488006592