Vilalba Aberta propón a creación de talleres de avós e netos

TerraChaXa
Vilalba Aberta propón talleres municipais de avós e netos para facilitar a transmisión da lingua e o envellecemento activo.
obradoiros avos e netos
10 Xuño 2021

Vilalba Aberta vén de presentar a primeira das súas iniciativas de cara ao Pleno Ordinario de Xullo. A proposta, presentada esta mañá polos membros da formación municipalista Carlos Currás e María Pérez, ten por obxectivo a posta en marcha de talleres interxeracionais organizados polo Concello, onde a xente maior transmita a lingua galega vinculándoa á realización de diferentes e variadas actividades, ao tempo que se lle facilita a conciliación ás familias traballadoras e se promove o envellecemento activo de maiores e xubilados.

Tal e como explicou Currás, estas actividades desenvolveríanse tanto na vila como nas parroquias” e estarían dirixidas a grupos de nenos/as de ata 12 anos, ficando aberta a posibilidade de participación a aqueles/as adolescentes que desexaren mellorar o uso do galego co exemplo dos nosos maiores.

“Trátase de que os máis pequenos gocen aprendendo xunto aos seus maiores, promovendo espazos de encontro entre diferentes xeracións e enviándolle á sociedade a mensaxe de que as persoas maiores aínda teñen moitos coñecementos e experiencias de gran valor que compartir co resto da poboación”, remarcou.   

Unha opinión compartida pola súa compañeira e educadora infantil de formación, María Pérez, quen contextualizou a iniciativa de Vilalba Aberta como “unha inmellorable forma de empoderar á xente maior, dándolle valor e prestixio e facendo que se sintan como o que son, isto é; un verdadeiro patrimonio e exemplo a seguir para toda a mocidade”.

ACTIVIDADES PROPOSTAS 

  • Contacontos: Elemento referente para os nenos/as que ademais teñen en común cos maiores. Ademais de estar a evocar e lembrando, o que supón un exercicio de memoria, trabállanse habilidades comunicativas, discursivas e a creatividade.
  • Xogos populares: Parchís, quebracabezas, xogos de cartas, agochadas, etc., que se poden adaptar aos gustos, ao tempo dispoñible e outros factores.
  • Actividades plásticas e manuais conxuntas: De novo explótase a creatividade, pois o máis habitual é que os maiores estean pouco afeitos a deixarse levar pola súa imaxinación, o que supón un gran freo a nivel intelectual. Este tipo de actividades axuden a explorar capacidades artísticas e a exercitar habilidades motoras.
  • Clube de lectura avó/a neto/a: Máis enfocado á mocidade adolescente, pretende a transmisión da lingua vinculándoa ao pracer da lectura. Esta actividade estaría fundamentalmente centrada en valorizar e incrementar a autoestima lingüística colectiva.

A simple conversa entre nenos e maiores adoita obter uns resultados moi positivos. O intercambio de ideas (sorprendentes por parte dos pequenos, na maioría dos casos) e os consellos achegados desde a experiencia dos avós/as fan que o diálogo sobre temas tan triviais como os pratos de comida favorita poidan evolucionar cara á importancia da educación e o respecto a os maiores, co que a figura do maior convértese para os nenos nun referente.

0.13525986671448