Vilalba Aberta propón unha rebaixa do ICIO para algunhas obras
O Grupo Municipal de Vilalba Aberta levará ao pleno de novembro unha proposta de modificación da Ordenanza Fiscal nº 4 co obxectivo de eximir do pagamento do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) a aqueles veciños que aposten por instalacións de enerxías renovables nas súas vivendas ou edificios. Unha nova iniciativa da formación municipalista que, tal e como explicaron hoxe, levará engadida unha segunda proposta de exención naquelas obras encamiñadas á eliminación de barreiras arquitectónicas.
Así, e de aprobarse a proposta de modificación (artigo 1 punto 4 da citada ordenanza fiscal), tanto as obras dirixidas á instalación de equipos de produción de enerxías renovables para autoconsumo, como as dirixidas a reducir a demanda enerxética en vivendas (que quede acreditado na certificación enerxética e sexan vivenda habitual) e as dirixidas á eliminación de barreiras arquitectónicas e de mellora da accesibilidade as vivendas, non estarán suxeitas ao imposto.
En palabras do responsable de urbanismo de VA, Carlos Currás, o que se pretende dende é “favorecer o uso de enerxías limpas e alternativas que axuden a paliar a alza dos prezos da enerxía”. En definitiva, fomentar a transición a enerxías limpas “de menor custo para a veciñanza", sinalou.
Unha opinión compartida pola vicevoceira da formación, Mª Xosé Fernández, quen puntualizou que favorecer o autoconsumo e as enerxías verdes “non é o único obxectivo de VA”. Tal e como explicou, “a mellora na calidade de vida das persoas dependentes é tanto ou máis importante nesta proposta de actuación.”
Para VA, o colectivo de persoas maiores e/ou dependentes debe ser un dos eixos principais en torno ao cal se constrúa o novo urbanismo e nese senso a proposta de exención en “toda obra encamiñada á eliminación de barreiras arquitectónicas.”