Vilalba Aberta propón unha segunda liña de axudas a autónomos
Vilalba Aberta volve facer súas as reivindicacións de autónomos e comerciantes. Logo de acadar un traballado acordo co goberno, a fin da posta en marcha do agardado Programa de Axudas Directas a Autónomos e Empresas, a formación municipalista vén de remitir unha proposta á alcaldesa, co obxectivo da apertura dunha segunda liña en beneficio daquelas actividades que ficaron fóra.
Vilalba Aberta volve así a tomar iniciativa, a fin de que estas novas axudas poidan estar xa aprobadas coincidido co remate da tramitación das correspondentes á primeira liña, pois, entenden, “deste xeito non habería lugar a pór como escusa problemática de persoal.”
As/os traballadores autónomos vinculados ao comercio ao por menor fóra de establecemento comercial (epígrafe 663.3); os/as profesionais da fotografía (epígrafe 973.1); as academias de ensino (epígrafe 933.9), ou as/os provedores de hostalería, serían algúns dos beneficiarios/as dunha iniciativa que, en palabras do voceiro municipal da formación, Modesto Renda, “é de xustiza, se concordamos na idea de que na saída da crise ningún veciño/a pode quedar atrás.”
Renda, que vinculou os “límites” da primeira liña de axudas ás “concesións que toda forza política ten que facer nun proceso de negociación”, apelou ao factor “complementario e corrector” desta nova proposta, lembrando á Alcaldesa que “atendendo aos tempos propostos por Vilalba Aberta; a problemática de persoal no Concello non será desta volta un impedimento para a tramitación e, consecuentemente, tampouco debera ser escusa para deixar a estes sectores fóra”.
FINANCIAMENTO E TRAMITACIÓN
A primeira opción de Vilalba Aberta era a de vincular a negociación destas axudas á dos Orzamentos para 2022. Pero, tal e como explicou Renda, “os precedentes de 2020 e 2021, en relación coa parálise municipal”, obrigaron á formación a “contemplar outras dúas posibilidades de financiamento” na súa proposta á Alcaldesa.
Deste xeito, tanto a aplicación orzamentaria dunha parte do permitido pola Deputación Provincial con cargo ao Plan Único, ou ben a utilización da mesma cantidade pola vía da mobilización de fondos propios (procedentes da tesourería municipal) serían fórmulas “perfectamente válidas á par que áxiles” a ollos de VA.
As axudas previstas outorgaríanse ata esgotar o máximo previsto previamente negociado e, no caso de que finalizado o prazo de solicitude se presentara un número de solicitudes para as cales non fose suficiente a contía inicialmente consignada, esta poderá ser incrementada previa tramitación dun novo expediente de modificación orzamentaria.
No relativo aos requisitos para ser beneficiario/a, a proposta inclúe coma condición indispensable que, no caso do comercio ao por menor fóra de establecemento comercial, o lugar de residencia do autónomo sexa o termo municipal de Vilalba.
Así mesmo, o autónomo ou PEME beneficiado estaría obrigado a manter a actividade empresarial durante 3 meses, como mínimo, a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión da subvención e unha comisión municipal de valoración e seguimento composta polos servizos técnicos e xurídicos municipais sería a encargada de velar pola transparencia e axilidade do proceso.
PAGOS
A aplicación destas subvencións realizaríase nun pago único pola totalidade do importe concedido, mediante transferencia bancaria, a partir da data da resolución de concesión, sen que sexa necesaria a constitución de garantías. En caso de incumprimento dos deberes, o Servizo xestor iniciará de oficio expediente administrativo que, previa audiencia á persoa interesada, propoñerá a iniciación do procedemento de reintegro dos fondos, xunto coa liquidación dos intereses de demora correspondentes.