Vilalba Aberta propoñerá un convenio para as prazas de aparcamento nas Pedreiras

TerraChaXa
Vilalba Aberta defenderá no vindeiro Pleno unha iniciativa en relación coa necesidade de espazos para o aparcamento no casco urbano. 
vilalba aberta pedreiras aparcadoiros zona azul
17 Xul 2021

Vilalba Aberta defenderá no vindeiro Pleno Ordinario unha iniciativa encamiñada a dar resposta ás demandas da veciñanza, en relación coa necesidade de espazos para o aparcamento no casco urbano.

Unha primeira proposta, focalizada na procura de alternativas de estacionamento para os veciños residentes da zona vella que, tal e como apuntan dende a formación municipalista “pretende recuperar para a xente as trece prazas non adxudicadas en poxa pública nas Pedreiras, pola vía dun convenio entre o Concello de Vilalba e o Instituto Galego de Vivenda e Solo.”

En palabras do seu voceiro municipal, Modesto Renda, “a decidida aposta pola humanización e o maior protagonismo dos peóns no urbanismo do futuro debe sempre ir da man da non menos necesaria procura de alternativas de aparcamento, máis se cabe nunha vila de servizos proxectada cara as parroquias como é o caso de Vilalba”, explicou.

Unha opinión compartida polo seu compañeiro e membro da asemblea de Vialba Aberta, Carlos Currás, quen lembrou que toda medida dirixida a mellorar a mobilidade urbana esixe sempre dun esforzo por parte das administracións e tamén da cidadanía, pois – remarcou – “esta debe ser tolerante e flexible; mais son os gobernos os teñen a obriga de conseguir os recursos necesarios para que isto sexa posible”.

Para Vilalba Aberta, o caso das prazas de aparcamento é un deles, e neste senso urxirán ao goberno do PSOE á procura dun acordo entre administracións, que poña a disposición dos e das veciñas que acrediten vivir na zona vella cos requisitos que se establezan con carácter previo, unha alternativa de estacionamento que, complementaria doutras en espazos privados, solucionen total ou en parte a problemática do aparcamento, polo menos nesta zona da vila.

ZONA AZUL GRATUÍTA

Aprobada no Pleno Ordinario de Maio a iniciativa do Grupo Municipal de Vilalba Aberta, a zona azul de balde é a grande aposta da formación para solucionar a problemática do estacionamento en zonas conflitivas como a Rúa da Pravia ou Plácido Peña, entre outras. Unha fórmula de control, que procura a necesaria mobilidade a través dun sistema gratuíto de lectura de discos - utilizado xa noutros concellos - fixándose para o mesmo un tempo máximo de aparcamento de 90 minutos e a partir do cal se daría pé a unha sanción.

A medida, lembra Renda, “proxéctase complementaria doutra actuación, a relativa á necesaria regulación do aparcadoiro subterráneo da Praza da Constitución, da que nada se sabe máis de dez meses despois do seu anuncio, a pesares de ser un proxecto encamiñado e publicitado xa na anterior lexislatura.”

Dende Vilalba Aberta entenden que os 90 minutos que se autorizarían, deberan resultar suficientes para facer as compras ou realizar as xestións nos diferentes negocios e bancos que se distribúen ao longo das céntricas rúas.

SANCIÓNS

Aínda que non ten afán recaudatorio, senón disuasorio, a normativa prevista por Vilalba Aberta establece multas de entre 50 e 70 euros, segundo a gravidade e tipoloxía da infracción, para aqueles que aparquen sen o disco ou non respecten a delimitación horaria. Estas cantidades veríanse reducidas á metade de se abonar no prazo voluntario dos 20 días posteriores á notificación.

EXEMPLOS DE ÉXITO

Son moitas as localidades galegas que, dende hai anos, optan por sistemas gratuítos para regular zonas conflitivas de estacionamento. Así, dende As Pontes ata Carballo, pasando por O Grove ou A Guarda, a mobilidade de vehículos procúrase a través dun sistema de lectura de discos como o que propón a formación.

ESTUDO DE MOBILIDADE (EME)

Así mesmo, dende Vilalba Aberta volverán requirir información do goberno, a fin de que se dea conta do avance e conclusións do estudo que o Concello encargou (e pagou) á empresa Planificación TEC, sobre mobilidade no municipio (EME) e que inclúe como obxectivos principais "a mellora do tráfico e das condicións de accesibilidade."

0.20091700553894