Vilalba Aberta quere destinar unha vivenda municipal para protección das vítimas da violencia de xénero
Vilalba Aberta presentou a súa sétima iniciativa de cara Pleno Ordinario de novembro. Unha nova proposta aos grupos, enmarcada na conmemoración do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, e cuxo obxectivo último é o de reforzar a necesaria protección a todas aquelas mulleres vítimas de maltrato que non dispoñan dunha alternativa á vivenda unifamiliar, para o que propoñen a utilización dunha propiedade recentemente adquirida polo Concello, o edificio orixinariamente construído para albergar vivendas de profesores na rúa Cuart de Poblet.
Segundo explican, se trata dun inmoble, que na actualidade conta con seis vivendas, das cales tan só dúas están habitadas e cuxo recente proceso de desafectación previo á concreción da súa nova titularidade, xa mereceu en 2016 doutra interpelación de Vilalba Aberta, neste caso en base ás dúbidas do anterior rexedor ao respecto do que facer con el unha vez pasara a mans municipais.
“Non queremos presentar unha iniciativa que redunde na cifra de asasinadas no que vai deste e do pasado ano, porque triste e lamentablemente estará obsoleto dende o mesmo momento da súa redacción. Tampouco, proxectala enchéndoa de estatísticas porque sabemos que a noxenta realidade supera xa ás propias cifras oficiais” apuntaba hoxe o seu voceiro, o edil Modesto Renda, quen contextualizou a proposta de Vilalba Aberta na necesidade de “optimizar recursos propios co fin de reforzar os actuais servizos municipais, xerando así a necesaria tranquilidade e confianza para o conxunto das veciñas do Concello”.