Vilalba Aberta reclama novas paradas no transporte escolar das parroquias
Vilalba Aberta vén de rexistrar unha proposta coa que pretende facer súas as demandas das familias do rural vilalbés, en relación co necesario incremento da dotación de paradas do servizo de transporte escolar para as parroquias.
Unha moción, que tal e como explicou a súa vicevoceira municipal, Mª Xosé Fernández, ten por obxectivo último o de “acadar o consenso da corporación”, a fin de que o Concello inste á Xunta de Galicia a reforzar un servizo público que dende Vilalba Aberta cualifican de “dobremente fundamental para o rural.”
Porque para VA, é responsabilidade das administracións analizar e atender as peticións de novos puntos de instalación de marquesiñas, non en termos economicistas senón de servizo público, de fixación de poboación no rural e de seguranza viaria para escolares.
Unha opinión compartida polo seu compañeiro na coordinadora de Vilalba Aberta, Luis Barrio, quen defendeu o incremento na dotación de instalacións e de servizos públicos como “o único camiño para fixar poboación no rural e contribuír ao crecemento demográfico do Concello.”
Para Vilalba Aberta é incomprensible que se manteñan obsoletas unha serie de paradas ao tempo que non se ofrecen novas alternativas, e nese senso se pronunciarán na vindeira sesión ordinaria. O necesario consenso municipal será, pois, de novo, o obxectivo da formación.