Vilalba Aberta reivindica a súa proposta de cheques de axuda á conciliación

TerraChaXa
Vilalba Aberta vén de facer público o seu malestar, logo de que o Goberno Municipal anunciara “unilateralmente e a través dunha comunicación en prensa” a vindeira posta en marcha dunha liña de axudas á conciliación que, tal e como denuncian dende a formación “volve pasar por enriba do aprobado en Pleno, co voto da maioría absoluta dos representantes da veciñanza na corporación”.
Vilalba Aberta reivindica a súa proposta de cheques de axuda á conciliación
8 sep 2020

Vilalba Aberta vén de facer público o seu malestar, logo de que o Goberno Municipal anunciara “unilateralmente e a través dunha comunicación en prensa” a vindeira posta en marcha dunha liña de axudas á conciliación que, tal e como denuncian dende a formación “volve pasar por enriba do aprobado en Pleno, co voto da maioría absoluta dos representantes da veciñanza na corporación”. 

Un novo intento de “pasar por enriba da democracia municipal” por parte dun Goberno en minoría que “fuxe cara adiante”, paralizando “iniciativas traballadas e contrastadas” que noutros concellos aplica o PSOE e que, tal e como lembrou o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, “son substituídas por titulares e anuncios en prensa, en relación a proxectos e iniciativas que nin tan sequera foron a Pleno e dos que a oposición non conta co máis elemental borrador de bases reguladoras da tramitación. 

“Na prensa xa falaron dun total orzamentado de 35.000 euros, isto é: a mesma cantidade que o Concello se aforra ao non colaborar con Anpas e Ludotecas na prestación do Servizo de Madrugadores. Non é serio”. Apuntou a este respecto un Modesto Renda, que comparou o xeito de proceder do Goberno do PSOE neste asunto co acontecido coa proposta de bonos ao comercio local. 

Unha opinión compartida pola súa compañeira de grupo, María Xosé Fernández, quen non quixo deixar pasar a ocasión para defender a vixencia das aprobadas propostas de Vilalba Aberta, nomeadamente da relativa ao sistema municipal de cheques axuda á conciliación. “Os autónomos e as familias están fartos de cortinas de fume. Precisan da inmediata posta en marcha de liñas de axudas serias, como as aprobadas polo Pleno, a iniciativa de Vilalba Aberta, e que, de non impedilo o Goberno Municipal, xa podería estar tramitándose”, sentenciou. 

SISTEMA DE CHEQUES AXUDA Á CONCILIACIÓN PARA XANEIRO DE 2021

Aprobada no Pleno Ordinario de Xullo a iniciativa de Vilalba Aberta, a posta en marcha da proposta de sistema municipal de cheques axuda á conciliación para o presente curso, incidiría no necesario impulso á actividade económica no termo municipal (sector do ocio infantil/ludotecas), ao tempo que contribuiría decisivamente á conciliación da vida laboral e familiar das nais e pais de vila e parroquias. 

A contía dos cheques axuda corresponderíase cun total por cheque/unidade familiar de 150 eeuros ao mes no caso de un menor; 300 euros ao mes no caso de dúas e 500 euros ao mes no suposto de tres ou máis, sendo as beneficiarios os proxenitores ou titores legais de nenas e nenos que acrediten o cumprimento dos seguintes requisitos:

1º- Que o menor estea empadroado en Vilalba e que tanto a nai ou pai solicitante ou o titor legal estean empadroados e teñan a súa residencia habitual no Concello de Vilalba. No caso de separación ou divorcio este requisito só será esixible ao proxenitor que tivese a garda e custodia.

2º-Que a renda da unidade de convivencia non supere os 1500 euros netos mensuais se ten un fillo ao seu cargo ou 1800 euros netos mensuais con dous fillos ou máis.

3º- Que non se dispoña de bens inmobles, distintos á vivenda habitual, sobre os que se posúa un dereito de propiedade, que, polas súas características, valoración, posibilidade de explotación ou venda, indique a existencia de medios suficientes para atender a necesidade para a que se solicita o cheque.

4º- Que no contexto dunha parella, ámbolos dous membros da unidade familiar traballen fóra do fogar e en horarios coincidentes.

A iniciativa, que atopa fundamento legal nos artigos 25 de la Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime local e 17 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, financiaríase con cargo á aplicación orzamentaria de arredor de 160.000, no primeiro ano, con vistas a ter continuidade en base ao volume de solicitudes contrastadas, quedando así, limitada e vinculada nos sucesivos exercicios a un máis axustado importe consignado para esta finalidade, pola vía dunha partida específica nos Orzamentos Xerais da corporación no que resta de lexislatura 2019/23, no marco do reivindicado Plan de Conciliación do Concello de Vilalba.  

0.15484809875488