Vilalba Aberta reúnese cunha representación do comercio asociado
Vilalba Aberta segue sumando colectivos ao seu proceso de escoita de entidades e asociacións. Así, a formación reuniuse cunha representación da sección de comercio da Asociación Sete Pontes, co obxectivo de recoller “de primeira man” as súas propostas e demandas.
A xuntanza, que se prolongou por máis de dúas horas, permitiulle ao seu candidato á Alcaldía, Modesto Renda, comprometerse coa sinatura dun convenio de colaboración para o período 2023-2027, que sigue o exemplo do que “xa está a funcionar entre o Concello de Ribadeo e Acisa.”
Tal e como explicou o candidato, o colectivo empresarial percibiría “unha achega anual definida no Orzamento”, estando esta “directamente vinculada á organización de actividades dinamizadoras do tecido comercial, hostaleiro e de servizos.”
“O sector do comercio, da hostalería e dos servizos ten un peso fundamental no noso Concello e o goberno non pode actuar de costas aos seus intereses”, denunciou.
Unha opinión compartida pola traballadora autónoma e nº3 da formación, Tamara Rodríguez, quen contextualizou a proposta de VA na necesidade de “estreitar a colaboración” entre Concello e os comerciantes co obxectivo de “atraer a xente a Vilalba ao longo de todo o ano”, porque iso redundará “de xeito positivo na economía local".
Os atrancos que o Concello lles está a poñer aos comerciantes na organización da Feira de Oportunidades; a cuestión da mobilidade urbana ou carencia de prazas de aparcadoiro, complementaron unha “produtiva reunión” que dende Vilalba Aberta agardan repetir logo do 28M “como novo goberno municipal”.