Vilalba Aberta visitará a parroquia de Árbol este venres
O encontro terá lugar este venres día 15 ás 20:30h na Casa Escola e o obxectivo da formación é escoitar aos veciños/as e recoller as necesidades da parroquia.
Vilalba Aberta, despois das xuntanzas en Santaballa, Nete, Ladra, Oleiros, Carballido, Corbelle, Belesar, San Simón e Lanzós, achegarase a Árbol co fin de celebrar que será a décima parada da súa concorrida Rede de Parroquias.
Á reunión, fixada para este venres día 15, ás 20:30h, na Casa Escola da parroquia, seguiranlle outras dúas - apalabradas xa - no marco dunha serie de encontros deseñados pola formación, co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades da veciñanza do rural e incorporalas, logo, á axenda política da corporación.
O voceiro de VA, Modesto Renda, puxo en valor “a predisposición e iniciativa da veciñanza das parroquias que os contactaron, así coma o imprescindible de facer política “escoitando aos veciños do rural” e lembrou que “estes son sempre os máis damnificados polo conxunto dunhas administracións chamadas a velar polos seus intereses do mesmo xeito que o fan polos veciños/as do casco urbano”.
É por isto que animou á veciñanza de Árbol a participar, achegándose este venres á Casa Escola da parroquia. Así mesmo, Renda non quixo deixar pasar a oportunidade para trasladar o seu “profundo agradecemento á directiva da Asociación de Veciños de Árbol” por permitir facer posible este novo encontro.