Vilalba Aberta volve denunciar as accións de sulfatado indiscriminado
"Dende a súa aparición na primeira liña da política vilalbesa, a asemblea de Vilalba Aberta considerou sempre coma inaprazable a cuestión de facer bandeira da definitiva prohibición do uso non agrario de herbicidas con Glifosato por parte do Concello. Unha política de sulfatado, a do Goberno de Vilalba, que inclusive mereceu hai agora dous anos unha moción de reprobación en contra do anterior rexedor, Gerardo Criado, defendida por Modesto Renda en sesión plenaria e aplastada pola maioría absoluta do PP na corporación municipal", indican os responsables do partido.
"Lamentablemente, e coincidindo co terceiro ano da lexislatura, Vilalba Aberta vese de novo na obriga de levar esta cuestión a Pleno, diante do que cualifican coma un paso máis na vergoñenta política de sulfatado do Goberno de Vilalba, encabezado agora por Agustín Baamonde e que tal e como acontecera hai un ano coas denuncias en parroquias coma Noche, Goiriz ou Román, posibilitará que dende a formación asemblearia volvan a facer súa a indignación que se deriva dunha problemática que en palabras do seu voceiro, o edil Modesto Renda, está a envelenar por igual tanto nas zonas onde se subministra na contorna urbana coma nas que se está a espallar polas parroquias e que, logo de que tanto o anterior coma o actual Alcalde argumentaran o limitado da súa utilización, son de novo os veciños e as veciñas os que pola vía da denuncia nos están a revelar toda a verdade.”
Neste sentido a moción que presentaron pide "a fin da prohibición do uso non agrario de herbicidas con Glifosato en todos os lugares públicos do concello, estradas e redes de servizo, así coma a súa substitución por métodos mecánicos e/ou térmicos non contaminantes, ou por sustancias de comprobada eficacia fronte aos riscos como o ácido acético, capas de geotextil ou mulching, que non danen a saúde nin o medio ambiente. Uns métodos, que xa se están a aplicar na maioría de países da Unión Europea e que teñen, ademais, un maior potencial en termos de xeración de emprego".