Vilalba Aberta vota en contra e fai unha protesta contra a xestión da aprobación dos orzamentos
Vilalba Aberta desmarcouse da votación dos orzamentos, celebrada en sesión extraordinaria na Casa Consistorial. Precedida dunha acción de protesta á entrada do Pleno na que se puideron ler lemas tales coma “Orzamentos sen a xente”, “Transparencia” ou “Vergoña Municipal”, a decisión da formación chega logo da súa denuncia, relativa á “intencionada falta de planificación do Goberno Municipal”, criticando que se pretenda aprobar "o instrumento político máis importante do que dispoñen os Concellos" pola vía rápida, sen debate, sen un procedemento serio de negociación e de presentación de emendas, tal e como acontece no común dos municipios, e por medio dun pleno “improvisado”, cuxa primeira data, lembran, “os grupos municipais coñeceron a través dos medios de comunicación.”
Unha mostra máis da “falta de seriedade e rigor” que, tal e como expuxo na súa quenda de intervención o seu voceiro e Candidato á Alcaldía, Modesto Renda, se deriva do “absoluto caos na xestión” do Partido Popular no Concello de Vilalba, concretado un ano máis nun “intolerable desprezo” á democracia municipal e á veciñanza que no ano 2015 optou por confiarlle o seu voto ás diferentes forzas da oposición.
“O inexplicable xeito de facer deste Goberno, o absoluto caos no que teñen sumida a esta institución “chega ao nivel de convocar tarde, mal e “a rastras” unha farsa de debate, sen tan sequera cumprir cos mínimos previstos pola lexislación local, en canto ao dereito á información dos Grupos Municipais e da veciñanza que a solicita” remarcou Renda.
Na mesma liña, lembroulle ao alcalde que “é grave ,non, gravísimo” que “tal e como se recoñeceu dende Secretaría na pasada Comisión de Asuntos do Pleno, os tempos de entrega da documentación de referencia, en relación á data de convocatoria da mesma, ademais de limitar a capacidade efectiva da oposición para realizar e cumprir coa nosa labor de fiscalización e control, supoñan “de facto” que todas cantas modificacións, aportacións e propostas que dende Vilalba Aberta e o resto de Grupos poidamos facer nesta sesión extraordinaria, en ningún caso van poder incorporarse a unha “proposta” de orzamentos, pechada e cociñada de antemán.”
Un feito, lembrou, que “ningunha maioría absoluta pode xustificar”, pois “máis alá de desvirtuar por completo a función desta cámara de representación, atenta directamente contra a democracia municipal e o dereito dos veciños/as de estar informados puntualmente do que se fai co seu diñeiro”
A este respecto, remitiu ao alcalde ao debate entre candidatos da inminente campaña electoral. “As nosas emendas terán a forma de Programa Electoral e debateranse, por suposto, nun foro que posibilite que poidan aplicarse a través duns Orzamentos Municipais, isto é: no vindeiro debate electoral entre candidatos á alcaldía. Nunca máis un Concello sen a súa xente”, sentenciou.