Vilalba acolle a estrea do espectáculo Amantes da Terra, na honra de Antonio Fraguas
O Auditorio Carmen Estévez de Vilalba acollerá o próximo 4 de maio, ás 21:00 horas o espectáculo musical Amantes da Terra, a cargo do grupo Queiman e Pousa e que serve de homenaxe á figura de Antonio Fraguas, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
O espectáculo trátase dunha fusión musical e poética con voces e danzas que poñen en valor o escritor, etnógrafo e historiador galego Antonio Fraguas.
Antonio Fraguas foi unha figura importante do galeguismo polo seu talante ético e pola súa defensa do galego, sentimento que espallou por todo o mundo. Fraguas foi quen de recuperar a voz do pobo e chega no momento preciso para recoller os piares da nosa cultura, do noso mundo, o mundo campestre. Onde máis destacou o seu traballo foi na escritura espiritual campestre das festas, romarías, cantigas... e que agora se transmiten neste espectáculo... Amantes da Terra. Como el dicía: “Ser galeguista non é máis ca ser amante da nosa terra.”
O espectáculo está composto pola Banda de Unión de Lantaño, as Corais de Vales Mahía e Salvaldor de Camanzo, Grupo de Gaitas e Baile Foula, o actor Bruxo Queiman e a cantante Andrea Pousa. Interprétanse temas musicais inéditos, compostos por Sergio Gramary como Fraguas de amor (texto de Antonio Fraguas), O rostro de Galicia (Domingo Fontán, quen lle puxo cara a Galicia), A derradeira lección do Mestre (en homenaxe a Castelao e a Alexandre Bóveda). Tamén haberá espazo, para as cancións tradicionais, recollidas no Cancioneiro de Cotobade, de Antonio Fraguas e contarase coa arte doutros escritores e persoeiros galegos recoñecidos que lle serviron de inspiración, coma: Ricardo Portela (o gaiteiro de Cotobade), Antón Losada Diéguez (o gran irmán maior), Núñez Búa (amigo exiliado en Arxentina), Alexandre Bóveda (amigo e Mestre), Faustino Santalices (difusor da zanfoña), Perfecto Feijóo (primer folclorista galego), Rosalía de Castro (na que se inspirou para manter viva a voz do pobo Galego) e outros moitos.
O espectáculo tamén inclúe unha demostración dos traxes tradicionais e traxes de gala, inspirado no libro de Antón Fraguas. E tamén faise fincapé no Entroido galego.