Vilalba acolle a exposición 'Rosalía. Proclamar ao mundo que Galiza existe' no Auditorio Municipal

TerraChaXa
Enmárcase nos actos organizados para conmemorar o Mes de Rosalía e que se prolongarán ata o 28 de febreiro
exposicion-rosalia-iescha
9 Feb 2026

A Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba acollerá do 6 ao 27 de febreiro de 2026 a mostra Rosalía. Proclamar ao mundo que Galiza existe, unha exposición dedicada á figura e á obra de Rosalía de Castro que se enmarca nos actos organizados para conmemorar o Mes de Rosalía e que se prolongarán ata o 28 de febreiro.

A iniciativa está organizada polo Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba e o patrocinio da Área de Cultura–Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A exposición, producida por Galiza Cultura e Vía Galega, combina textos do escritor Francisco Rodríguez con ilustracións do debuxante Pepe Carreiro, ofrecendo unha visión rigorosa e divulgativa da autora máis universal das letras galegas.

A mostra está composta por vinte paneis que afondan na biografía de Rosalía de Castro, no contexto histórico e social no que desenvolveu a súa creación literaria e na vixencia e relevancia dos seus textos na actualidade. O percorrido expositivo pon o foco nunha Rosalía consciente do seu tempo e do seu país, comprometida coa defensa do dereito de galegos e galegas a contar cunha literatura propia, moderna e plenamente recoñecida.

A exposición poderá visitarse durante o horario habitual do Auditorio Municipal de Vilalba e constitúe unha oportunidade para achegarse á figura de Rosalía desde unha perspectiva didáctica e accesible, que combina reflexión histórica, análise literaria e creación artística contemporánea. Con esta proposta, Vilalba súmase ás actividades culturais que reivindican o legado dunha autora fundamental para a identidade cultural de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.077894926071167