Vilalba acolle a Feira das Oportunidades coa participación de máis de 20 comercios

A praza da Constitución de Vilalba converterase nun gran escaparate comercial esta fin de semana coa celebración da Feira de Oportunidades, que terá lugar os días 12 e 13 de abril de 2025. Organizada pola Asociación de Empresarios Sete Pontes, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Concello de Vilalba, a feira reunirá máis de vinte comercios locais que ofrecerán produtos a prezos especiais.
Durante as dúas xornadas, os asistentes poderán desfrutar de animación e ludoteca en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, o que garante unha experiencia completa para todas as idades. Ademais, realizaranse diversos sorteos entre o público participante, incluíndo experiencias de benestar no Hotel Spa Attica21 de Vilalba e unha cea para dúas persoas no restaurante Os Ríos.
Baixo o lema En abril feiras mil, o evento busca dinamizar o comercio de proximidade, promover o consumo local e ofrecer un espazo de lecer para toda a veciñanza. Esta cita consolídase como unha das máis destacadas do calendario comercial da vila, reunindo nun mesmo lugar, oportunidades de compra, gastronomía e actividades para toda a familia.