Vilalba acolle a presentación de 'Nakba', obra gañadora do Premio de Poesía do Concello

TerraChaXa
O acto, de entrada libre, permitirá ao público achegarse a unha obra que se erixe como un berro poético contra o xenocidio do pobo palestino e a destrución de Gaza
presentacion-de-nakba-poemario
18 Feb 2026

O Salón de Plenos do Concello de Vilalba será escenario este sábado 21 de febreiro, ás 12.00 horas, da presentación de Nakba, o poemario de Patricia Torrado Queiruga gañador do 51º Premio de Poesía do Concello de Vilalba. O acto, de entrada libre, permitirá ao público achegarse a unha obra que se erixe como un berro poético contra o xenocidio do pobo palestino e a destrución de Gaza.

Durante a presentación terán lugar lecturas de varios poemas do libro, que serán recitados tanto en galego como en árabe, subliñando así o carácter internacional e intercultural da publicación. A obra está ilustrada pola artista gazatí Reem M. Arkan e conta cun limiar do poeta e novelista palestino Nasser Rabah, achegando unha mirada directa desde a realidade que inspira os versos.

Nakba publícase nunha edición que parte do texto orixinal en galego e inclúe traducións ao castelán e ao inglés, realizadas por Patricia Martínez Ventoso, así como unha versión en árabe a cargo de Omneia Sadek El-Shahat. Esta pluralidade lingüística reforza a vontade da autora e da editorial de ampliar o alcance dunha mensaxe de denuncia e memoria.

No acto participarán, ademais da autora, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, a concelleira de Cultura, Mónica González, a tradutora ao árabe Omneia Sadek El-Shahat e o director de Alvarellos Editora, Henrique Alvarellos, entidade responsable da publicación. A cita converterá Vilalba nun espazo de encontro entre poesía, compromiso social e diálogo entre culturas.

⚙ Configurar cookies
0.078351020812988