Vilalba acolle a presentación do libro 'Dictaduras Mineras', de Mai Costa

TerraChaXa
O libro aborda os conflitos territoriais e socioambientais provocados pola megaminería en distintos puntos de América Latina e do resto do mundo
presentacion-libro-ditaduras-mineras
7 Jan 2026

A Sala de Exposicións do Auditorio de Vilalba será o escenario este venres 9 de xaneiro, ás 17.00 horas, da presentación do libro Dictaduras Mineras, da autora Mai Costa. O acto terá lugar nas instalacións municipais situadas na rúa Pedreiras, número 5, e supón a chegada a Galicia dunha obra que xa foi presentada en países como Arxentina, Chile e Uruguai.

O libro aborda os conflitos territoriais e socioambientais provocados pola megaminería en distintos puntos de América Latina e do resto do mundo, a través de investigacións, testemuñas directas e relatos de acción colectiva. Entre os casos analizados inclúese o proxecto mineiro de Touro, convertido nun dos exemplos máis coñecidos de contestación social fronte ao modelo extractivista.

Dictaduras Mineras conta cun prólogo do músico Manu Chao e incorpora textos xurdidos de encontros co escritor Eduardo Galeano. Ao longo das súas páxinas, a obra analiza como a expansión da minería a grande escala contribúe á xeración de desigualdade, discriminación e exclusión social, poñendo o foco nas consecuencias humanas e ambientais deste modelo económico.

A presentación en Vilalba chega da man da colaboración do Sindicato Labrego Galego e de diversos colectivos contrarios á minería, como a Plataforma Mina Touro O Pino Non, SOS Suído, a Asociación pola Defensa da Ría, a Comisión contra as Minas da Terra Chá e Ecoloxistas en Acción. Ademais do acto na capital chairega, están previstas novas presentacións do libro en Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela.

Desde a organización salientan que se trata dunha cita de especial interese para todas aquelas persoas comprometidas coa defensa do territorio e da vida, nun contexto no que o debate sobre os proxectos mineiros continúa moi presente en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.069782018661499