Vilalba acolle a presentación do último libro de Lois Pérez
O Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia organizan o vindeiro venres 16 de setembro de 2022, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do libro A gruta da torre, de Lois Pérez, editado por Edicións Xerais de Galicia, publicación gañadora do V Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade que convocaron no ano 2021 as tres entidades antes mencionadas.
No acto intervirán: o propio autor do libro, Lois Pérez; a ilustradora do libro, Rosalía Díaz; un dos membros do Xurado, Manuel Bragado; a alcaldesa do Concello de Vilalba, Elba Veleiro, e a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro.
A gruta da torre
Rematado o curso, Lois viaxa coa súa familia a pasar outro verán en Ribadeo. Quique, Greta e o resto da cuadrilla agardan por el, e ese ano hai tamén unha nena nova. Non a coñece, mais morre por falar con ela... Na vella biblioteca da Torre dos Moreno, Quique encontra un libro e, no interior, un misterioso documento que fala dun pasadizo. Onde estará? Deciden que teñen que atopalo. A investigación vese sacudida pola aparición dunha foca, Cuquita, e tamén por uns estraños sucesos no faro da Illa Pancha. Quen os persegue? Por que un home lles amosou unha pistola? Quirina e Estrela tamén procuran a resposta.
Namentres, Marquiños escoitou a voz de seu pai no mar... Unha aventura trepidante, atravesada pola forza da amizade, os primeiros amores e o valor dos libros, no Ribadeo de 1990. (https://xerais.gal)
Biografías
Lois Pérez (Lugo, 1979) é mestre, contador de historias, poeta, escritor e guionista. No eido da dramaturxia, gañou en 2008 o Premio de Teatro Radiofónico da Radio Galega con Saltimbanqui (Xerais, 2008), dirixida e adaptada por Quico Cadaval. Como poeta, publicou LP (2013) e Long Play (Xerais, 2017), e gañou o Premio aRi[t]mar ao mellor poema editado en Galicia nese ano por Blues do rei Bergman=B.B. King. Coordina a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e, no eido do ensino público, traballou e promoveu diferentes proxectos de innovación na normalización lingüística do galego na escola, premiados todos eles por organismos oficiais e institucións diversas. Escribe de rock and roll e literatura na prensa escrita. A gruta da torre (Xerais, 2022) gañou o V Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade.
Rosalía Díaz (Begonte, 1986) estudou Deseño Gráfico en Zaragoza, onde viviu dezasete anos e desenvolveu diferentes proxectos relacionados co deseño, a ilustración, a pintura e a música. Na súa obra artística expresa diferentes inquedanzas e ideas, como o feminismo, o amor pola terra e a xustiza social. Na actualidade reside en Galicia, onde traballa como deseñadora e ilustradora. Parte do seu traballo pode verse en www.rosaliadiazcreativa.com. A gruta da torre (2022) é a súa primeira obra ilustrada en Xerais.