Vilalba acolle a presentación sonora da nova obra de Xurxo Souto este sábado

O Concello de Vilalba anunciou a celebración dunha nova proposta cultural para este sábado, 21 de marzo, centrada na presentación da obra A novela do bravú, do escritor e músico Xurxo Souto. O acto terá lugar ás 12.30 horas no Salón de Plenos da casa consistorial.
A iniciativa foi presentada pola concelleira de Promoción da Lingua, María Xosé Fernández, xunto co tenente de alcalde, Modesto Renda, e enmárcase na programación municipal destinada a fomentar a cultura e a lingua galega entre a veciñanza.
A actividade está concibida como unha sesión sonora que vai máis alá dunha presentación literaria convencional. A proposta busca implicar activamente ao público, convidando ás persoas asistentes a participar e formar parte da experiencia, nun formato no que a música e a palabra se combinan para ofrecer un encontro dinámico e participativo.
Desde o Concello destacan o carácter aberto e innovador da iniciativa, que pretende achegar a creación contemporánea á cidadanía dun xeito directo e sen intermediarios, convertendo ao público en protagonista da actividade.
O evento será de acceso libre e forma parte da aposta municipal por dinamizar a vida cultural de Vilalba con propostas variadas e dirixidas a todos os públicos.