Vilalba acolle a retrospectiva de Pedro Cabarcos Quintela nas festas de 2025

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a exposición “Retrospectiva”, que reúne cadros de Pedro Cabarcos Quintela. Esta exposición forma parte da programación do IESCHA para as Festas de Vilalba 2025.
A inauguración terá lugar o xoves 28 de agosto de 2025, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba. A mostra permanecerá aberta ao público, no horario establecido do auditorio, ata o 10 de outubro de 2025.
Pedro Cabarcos Quintela naceu en Vilalba en 1955 e reside en Viveiro. Licenciado en Historia da Arte pola Complutense de Madrid e profesor de Debuxo de Ensino Secundario, leva varias décadas dedicado á docencia.
O retrato constitúe unha das súas grandes paixóns, nas que continúa experimentando, influído pola súa formación académica en Historia da Arte, aínda que tamén traballa a paisaxe a “plein air”.
A súa obra recibiu recoñecementos internacionais, entre os que destaca a selección do cadro “Ana” para a fase final do BP Portrait Award 2020 na National Portrait Gallery de Londres. En 2024 gañou o premio da Fundazione Amadeo Modigliani de Roma co cadro “Esperanza”.