Vilalba acolle a reunión do dispositivo de seguridade para o FIV 2022
Tamén se analizou a situación da seguridade cidadá neste concello, que mantén unha taxa de criminalidade de 19,49 por mil habitantes, inferior á media provincial.
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu, xunto coa alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, a Xunta Local de Seguridade que analizou o dispositivo preparado para velar pola seguridade durante o Festival FIV 2022. Na xuntanza, celebrada na Casa do Concello, participaron, ademais da subdelegada do Goberno e a alcaldesa, os organizadores do festival, responsables de Seguridade do Concello, da Garda Civil e o Subsector de Tráfico, a Policía Local e a Policía Autonómica.
A Xunta Local de Seguridade foi informada das previsións que baralla a organización do festival, que terá lugar do 22 ao 24 de abril, con dous escenarios situados na preza da Constitución e no Campo da Feira, e ao que está prevista a afluencia de numerosas persoas. Ademais, examinou os lugares que poden resultar máis conflitivos debido á posible aglomeración de persoas e vehículos e coordinouse o labor que desenvolverán os distintos corpos de seguridade e de emerxencia para previr incidencias durante o evento.
Na xuntanza tamén se tratou sobre a situación da seguridade cidadá neste concello e os plans operativos que desenvolve nel a Secretaría de Estado de Seguridade.
Isabel Rodríguez informou de que a criminalidade no Concello de Vilalba sitúase en taxas inferiores á media provincial, que, a súa vez, está por debaixo das medias galega e de España. Así, en 2021 a taxa foi en Vilalba de 19,49‰, o que supón cinco puntos menos que a media provincial (24,6‰), a cal é inferior que a media de Galicia (32,7‰) e de España (41,3‰).
Segundo as estatísticas da Garda Civil, en 2021 rexistráronse en Vilalba un total de 273 infraccións penais, das que 132 foron por delitos graves ou menos graves e 141 delitos leves. Esta cifra supón que a delincuencia volveu situarse en cifras semellantes ás anteriores a pandemia. Comparando os datos cos do ano 2019, xa que as estatísticas de 2020 están distorsionadas pola situación excepcional que provocou a declaración do estado de alarma e as restricións á mobilidade pola pandemia, obsérvase que o ano pasado houbo 2 infraccións máis. En 2019 a Garda Civil rexistrara en Vilalba un total de 271 infraccións penais..
É de destacar que o número de delitos graves e menos graves experimentou un descenso, pois pasaron de 137 a 132, mentres aumentaron os delitos leves de 134 a 141.
VIOLENCIA DE XÉNERO
Rodríguez deu conta tamén da situación da violencia de xénero. En 2021 houbo un total de 12 denuncias por violencia de xénero no concello de Vilalba. Son 2 máis que no ano 2020. No que levamos de 2022, ata o 31 de marzo, están rexistradas 2 denuncias por este motivo.
En canto aos delitos por quebrantamento de ordes de protección, no que levamos de ano non se produciu ningunha. O ano pasado houbo 3 e foron 5 en 2020.
PLANS OPERATIVOS DE SEGURIDADE
A subdelegada informou tamén de que a ampliación do Ano Santo Xacobeo a 2022 e a melloría na situación sanitaria están a provocar un aumento na afluencia de peregrinos polas distintas rutas do Camiño de Santiago, polo que a Garda Civil volve despregar o Plan de Seguridade Ano Santo Xacobeo 2022. No caso de Vilalba, centrarase na protección dos peregrinos que se dirixan a Santiago a través do Camiño do Norte.
Con este Plan, trátase de garantir a protección e seguridade de todos os peregrinos, asegurar o libre exercicio dos dereitos e liberdades dos cidadáns, manter a seguridade cidadá e protexer tanto o patrimonio como o medio ambiente.
En canto ao Plan Director para convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos no que se desenvolve unha programación dirixida á comunidade educativa, no curso 2020/2021 houbo 6 actividades, 4 delas por vía telemática. No que levamos do actual curso escolar son 22 as charlas realizadas e están programadas outras 6, nas que os formadores da Garda Civil abordan temas como acoso escolar, ciberseguridade, drogas e alcol, entre outros. Nestas actividades participa o alumnado dos CEIP Terra Chá e Antonio Insua Bermúdez e dos IES Basanta Silva e Lois Peña Novo.