Vilalba acolle a última xornada de A Nosa Champions no Estadio da Madalena

O vindeiro sábado 14 de xuño, o Estadio da Madalena en Vilalba converterase no escenario da terceira e última xornada da primeira tempada de A Nosa Champions, unha competición inclusiva promovida pola Federación Galega de Fútbol e que conta coa colaboración activa de seis clubs, entre eles o Rácing Club Vilalbés, anfitrión desta cita final.
Tras pasar por Calo e Abegondo, Vilalba será a terceira sede desta iniciativa pioneira destinada a persoas con discapacidade intelectual, que ten como obxectivo visibilizar e fomentar o deporte inclusivo no fútbol galego. A implicación de clubs como SR Calo, Rácing Club Vilalbés, CD Lugo, Rácing Club Ferrol, RC Deportivo e RC Celta fixo posible a creación dunha liga adaptada e cargada de emocións, compañeirismo e deporte en estado puro.
A xornada arrancará ás 10:30 horas e contará cun completo calendario de encontros repartidos entre dous campos. Os equipos enfrontaranse en formato de grupos (A e B), con partidos entre todos os participantes, culminando coas finais entre os clasificados de cada grupo. A entrega de trofeos será ás 14:15 horas, poñendo o broche de ouro a unha tempada histórica que demostra que o fútbol tamén é un espazo de inclusión e igualdade.
O Rácing Club Vilalbés encargarase da organización local deste evento que promete ser unha auténtica festa do deporte para todas e todos.