Vilalba acolle a Xornada da Axuda á Recría das Razas Autóctonas de Ruminantes 2025

O xoves, 12 de xuño, a Casa da Cultura do Concello de Vilalba, situada na Praza Suso Gayoso, será o escenario da Xornada da Axuda á Recría das Razas Autóctonas de Ruminantes 2025, organizada pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga).
O acto dará comezo ás 11:30 horas coa recepción das autoridades e criadores de razas autóctonas. As verbas de benvida correrán a cargo de Eduardo Vidal Bahamonde, segundo tenente de alcalde do Concello de Vilalba. Seguiralle a intervención de Francisco José Monasterio Solveira, directivo da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), e pechará esta primeira parte José Balseiros Guinarte, director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.
Ás 11:45 horas iniciarase a xornada técnica coa intervención de Davide Antón Outeiro Castiñeira, director veterinario das razas autóctonas de Galicia ameazadas, quen exporá a situación actual e os retos da recría destas razas. Ao remate da intervención, abrirase un coloquio co público asistente.
A xornada busca promover a conservación e valorización das razas autóctonas galegas, fundamentais para a biodiversidade e o desenvolvemento sostible do medio rural.
A Xunta de Galicia porá en marcha por primeira vez este mes de xuño unha liña de axudas específica destinada a fomentar a recría de razas autóctonas de ruminantes ameazadas, entre as que se atopan as razas bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa, así como as razas Ovella Galega e Cabra Galega.
Esta iniciativa contará cun orzamento de 390.000 euros. Desa cantidade, 350.000 euros destinaranse a explotacións de gando bovino, mentres que os 40.000 euros restantes irán dirixidos a explotacións de ovino e caprino. Cada explotación poderá optar a un máximo de 15.000 euros, cun límite de 350 euros por exemplar bovino e de 60 euros por exemplar ovino ou caprino.
A medida recóllese nun informe da Consellería do Medio Rural, presentado ao Consello da Xunta, onde se salienta que a recría —é dicir, a cría de animais na propia explotación desde o destete— permite garantir unha reposición sostible dos exemplares.
Entre os obxectivos principais desta actuación atópanse o aproveitamento responsable dos recursos autóctonos, a mellora da rendibilidade das explotacións, a conservación da diversidade xenética, o impulso de sistemas de produción extensivos adaptados ao territorio e o reforzo da economía rural a través de produtos de calidade e con identidade propia. Tamén se destaca a importancia de preservar o valor cultural e patrimonial destas razas.
O informe engade que, aínda que a evolución xeral dos rabaños autóctonos é positiva, algunhas razas aínda non experimentan un crecemento significativo, polo que se considera necesario aplicar medidas adicionais como esta para garantir a súa continuidade no futuro.