Vilalba celebra esta fin de semana a segunda feira do libro Vilalé

TerraChaXa
Vilalba acolle esta próxima fin de semana, os días 3, 4 e 5 de xuño na praza da Constitución, a segunda edición da súa Feira do Libro Vilalé.
31 Maio 2022

Vilalba acolle esta próxima fin de semana, os días 3, 4 e 5 de xuño na praza da Constitución, a segunda edición da súa Feira do Libro Vilalé 2022, cun ampla programación e actos para todas as idades.

Nesta ocasión, a organización é conxunta coa Federación de Librarías de Galicia, aínda que o concello mantén algunhas das propostas impulsadas na primeira edición como A Festa das Primeiras Letras do venres pola tarde.

Os establecementos e entidades participantes son a Libraría Tótem; Libraría Pedreira; Libraría Cortizas; Libraría Andel; Carlin; Iescha/Biblioteca Vilalba; Libraría Paperix; Libraría Pergaminos, e a Deputación de Lugo. Este ano haberá pregón a cargo da escritora vilalbesa Luz Airado, que publicou recentemente a súa obra ‘Instintos’.

O venres pola tarde será A Festa das Primeiras Letras, unha proposta municipal para promover a lectura e a socialización en galego de nenas e nenos de 0 a 6 años. Inclúe dúas actuación infantís: O tranvía Leonardo, de Fantoches Baj; e A máquina do tempo, por Teatro Ghazafelhos.

“O ano pasado foi un éxito e contamos que nesta ocasión aínda será mellor, xa que non temos as restricións do 2021 pola pandemia e o feito de organizalo coas librarías permítenos contar cun programa máis diversificado”, explica Antía Rama, concelleira de Feiras e Mercados. “O acordo coa Federación de Librarías recolle a presenza do maior número posible de escritores e escritoras locais”, engade.

Vilalba será durante tres días a capital do libro en Galicia e pola feira pasarán autoras locais como Antía Yañez, Cecilia Santomé, Luz Airado e María Xosé Lamas. Tamén contarase coa presenza para facer sinaturas de Marisa Vidal Collazo; Rober Cagiao; Juan Galán; Xesús Rábade Paredes, ou Brenda Mondelo.

O horario da feira será de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. Haberá tamén obradoiros durante os tres días e un 10% de desconto na compra dos libros.

Pincha na imaxe para consultar o programa:

0.18562412261963