Vilalba acolle este sábado a Feira do Capón logo da polémica pola decisión da Xunta
O Concello de Vilalba e a Asociación de Criadores de Capón porán en marcha este sábado unha nova edición da Feira do Capón, que se celebrará este sábado, 21 de decembro, cos tradicionais premios e degustación gratuíta do manxar chairego.
Ademais, a Feira do Capón de Vilalba chega a esta edición cun novo recoñecemento: o premio Lugo Cambia na categoría '…E para comer, Lugo' que o Consello Provincial de Turismo lle outorgou pola súa antigüidade, singularidade, arraigamento e o seu valor cultural.
En canto á programación da Feira do Capón, abrirase a cita ás 10.00 horas na Praza da Constitución para logo, ás 11.30, facer entrega dos tradicionais premios, da man da xornalista vilalbesa María Lamela. Ademais, esta edición tamén contará con degustación gratuíta de capón de 12.30 a 14.00 ou ata esgotar existencias.
Tampouco faltará a nota musical na cita. A charanga Brassica Rapa será a encargada de animar a Feira do Capón durante a mañá do vindeiro sábado, 21 de decembro, na Praza da Constitución. Unha actuación enmarcada no programa Dinamiz-ARTj, promovido polo Instituto para a Transición Xusta (ITJ) e a Fundación Cidade da Enerxía (CIUDEN).
Durante a presentación do evento, a alcaldesa, Marta Rouco anunciara que tiña “enviada xa a documentación necesaria á Xunta de Galicia para conseguir a súa declaración como de Festa de Interese Turístico de Galicia, atopándonos agora á espera de resposta do goberno autonómico”. A polémica xurdiu días despois cando se comunicou a negativa a darlle esta distincións, alegando o PP que faltaba documentación.
Tras varios intercambios de acusacións e moitas manifestacións a favor deste recoñecemento, a polémica quedou apagada.
Finalmente, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, quixo “convidar a todos e todas a que se acheguen a Vilalba o vindeiro 21 de decembro para gozar dunha das citas máis destacadas no calendario vilalbés, para coñecer a nosa gastronomía e tradición”.