Vilalba acolle este venres a xornada 'Mulleres do Medio Rural en Acción'

TerraChaXa
Ao longo da xornada trataranse temas como a comercialización directa de produtos hortícolas, a titularidade compartida das explotacións en Galicia, ou o acceso ao financiamento público
xornada-mulleres-do-medio-rural-en-accion
26 Jun 2025

Este venres 27 de xuño celebrarase en Vilalba a xornada 'Mulleres do Medio Rural en Acción', unha actividade centrada no emprendemento feminino no ámbito rural, que se desenvolverá entre as 11:00 e as 18:30 horas. O evento terá lugar no Mercado de Vilalba e no Restaurante Terra Chá, situado na Rúa Domingo Goas número 10.

A iniciativa forma parte do programa Emprendemento Rural Feminino: Oportunidade e sostibilidade, promovido pola Confederación de Mujeres del Mundo Rural (CERES) e a Asociación Labregas, e conta co financiamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).

Ao longo da xornada trataranse temas como a comercialización directa de produtos hortícolas, a titularidade compartida das explotacións en Galicia, ou o acceso ao financiamento público para proxectos liderados por mulleres. Entre as relatoras destacan María Ferreiro Santos, responsábel da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, así como Amanda López Prieto e Marta Vázquez Roco, da Asociación A Estruga.

O evento incluirá visitas ao mercado, mesas redondas, e espazos de diálogo sobre os retos e oportunidades do sector agroalimentario para as mulleres no rural galego.

⚙ Configurar cookies
0.16313600540161