Vilalba acolle este venres un acto de lembranza aos nenos e nenas vítimas do xenocidio en Gaza

Este venres 12 de decembro a partir das 20:00 horas, no palco da música da Praza da Constitución de Vilalba, terá lugar un acto organizado por Amnistía Internacional para lembrar aos milleiros de nenas e nenos asasinados en Gaza.
O propósito é realizar unha leitura pública dos seus nomes co título O seu nome. A nosa voz. A listaxe das vítimas infantís, que en agosto de 2025 superaba as 18.000 nenas e nenos, foi publicada polo Washington Post utilizando como fonte o Ministerio de Sanidade de Gaza.
Polo menos 312 persoas, 132 nenos e nenas entre elas, morreron a causa de ataques israelís desde que se anunciou o alto o fogo o 9 de outubro. "Israel segue limitando o acceso á axuda humanitaria e a subministracións críticas, como material médico e equipamento necesario para reparar infraestruturas vitais", explican os organizadores.
"Continúa o desprazamento sistemático por Israel da poboación palestina fóra das terras fértiles e actualmente o exército israelí está despregado no 58 % da Franxa de Gaza. A poboación palestina está case totalmente privada de acceso independente a formas de sustento", engaden.
O obxectivo desta concentración é que a lectura "dos nomes de nenas e nenos asasinados sirva para honrar a memoria de todas as vítimas e para demandar, con firmeza, a fin do xenocidio".