Vilalba acolle o 7 de marzo a IV Ruta de Moto e Quad do Queixo San Simón

Vilalba acollerá o próximo 7 de marzo a V Ruta de Moto e Quad do Queixo de San Simón, unha auténtica chiscadela ao famoso queixo con selo vilalbés.
A proba espérase que congregue arredor de 120 participantes nesta nova edición debido ao éxito que tivo nas pasadas. Esta ruta está organizada polo club As Cañotas en colaboración co Concello de Vilalba e outras entidades e empresas.
As inscricións están abertas a través do correo ascanhotas@gmail.com ou o propio día desde as 8.00 horas no bar Madalena.
A saída está prevista para as 9.00 horas. Ás 13.30 horas, para repoñer forzas, levarase a cabo unha comida, e ás 18.00 horas terminará a ruta. Como broche de ouro da xornada, ás 21.30 horas, haberá unha cea no restaurante Montero. A zona de vestiarios e duchas estará aberta a partires das 18:00 h no campo de fútbol, onde tamén se situará o aparcadoiro.
Os coordinadores da ruta lembran que o traxecto pasa por camiños públicos, atravesando, ademais, zonas de vivendas. Por esa razón, recoméndase precaución e máximo respecto polas normas de tráfico. Tamén indicaron que haberá unha ruta distinta e adaptada para todo tipo de participantes, con camiños divertidos e algunha subida interesante para aqueles que queiran "emocións máis fortes".