Vilalba acolle o espectáculo familiar 'Esperta o rinoceronte' dentro do programa Móvete 2025

TerraChaXa
A función, de acceso gratuíto, está dirixida a todos os públicos, especialmente recomendada para nenos e nenas a partir de 6 anos
esperta-o-rinoceronte
15 Dec 2025

A Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba acollerá o vindeiro venres 19 de decembro de 2025, ás 19:00 horas, o espectáculo Esperta o rinoceronte, unha proposta escénica de Marián González a cargo do grupo Nao Caracola. A función, de acceso gratuíto, está dirixida a todos os públicos, especialmente recomendada para nenos e nenas a partir de 6 anos, e ten unha duración aproximada de 40 minutos.

A actividade enmárcase no programa Móvete 2025 da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e está organizada polo Instituto de Estudos Chairegos coa colaboración do Concello de Vilalba. A peza combina teatro, monicreques, música e narración para ofrecer unha reflexión sobre a conciencia, a responsabilidade colectiva e a capacidade das persoas para non mirar cara outro lado ante a inxustiza.

A historia céntrase en Bambú, unha personaxe que aprende da súa avoa a coidar do mundo que a rodea e a escoitar a voz do corazón, simbolizada no Rinoceronte, unha forza interior que cómpre manter esperta para cambiar o mundo. A obra aborda que acontece cando esa conciencia queda durmida e somos cegados polos brillos que nos converten en cómplices da destrución, formulando a pregunta de se haberá quen sexa quen de espertar o rinoceronte.

No apartado artístico, Marián González exerce como actriz e titiriteira, encargándose tamén da escenografía e das marionetas, mentres que a dirección corre a cargo de Manuel Román, quen comparte a dramaturxia coa propia González. A música orixinal é de Jesús Lana Celaya e a produción está asinada por Nao Caracola. A proposta constrúese a través de tres escenarios que retratan unha realidade marcada pola desigualdade, a explotación e a perda de conciencia, cunha posta en escena na que a intérprete dialoga coas marionetas e coa propia maquinaria simbólica que representa ese despropósito global.

⚙ Configurar cookies
0.084628105163574