Vilalba acolle o martes o espectáculo 'Blancanieves'

TerraChaXa
O Concello de Vilalba acolle, no Auditorio Municipal, a representación da obra Blancanieves, da compañía La Chana Teatro, que terá lugar ás 19:00 do martes 26 de decembro.
24 Dec 2023

O Concello de Vilalba acolle, no Auditorio Municipal, a representación da obra Blancanieves, da compañía La Chana Teatro, que terá lugar ás 19:00 do martes 26 de decembro.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destaca que se trata dunha representación “para toda a familia na que a premiada compañía teatral realiza unha reinterpretación do conto clásico chea de risas e poesía”. “Un plan perfecto para seguir coas celebracións de Nadal en familia”, engade.

La Chana Teatro é unha compañía fundada en Salamanca en 1987, avalada por unha longa traxectoria de innovación artística na que o humor sempre estivo moi presente. Teñen levado as súas obras por toda a xeografía española, e tamén a outros países como Brasil, Francia, Bélgica, Portugal, Níger, Marruecos, Suiza ou Colombia.

Con Blancanieves lograron o XXVI Premio Max das artes escénicas na categoría de Mellor Espectáculo para Público Infantil, Xuvenil ou para Público Familiar. Tamén o Premio ao Mellor Espectáculo Infantil na Feira de Teatro de Castilla y León de 2021, ou o Premio ao Mellor Espectáculo do Parque 2023 do festival de teatro de feira El Parque de las Marionetas.

O evento ten unha hora de duración e a entrada será libre ata completar o aforo do auditorio.

0.15093588829041