Vilalba acolle o sábado a IV Ruta de Moto e Quad do Queixo San Simón
Un ano máis, o Concello de Vilalba acollerá a IV Ruta de Moto e Quad do Queixo de San Simón, unha auténtica chiscadela ao famoso queixo con selo vilalbés.
A proba, que se celebrará este sábado 30 de marzo, congregará a 120 participantes nesta nova edición. Esta ruta está organizada polo club As Cañotas en colaboración co Concello de Vilalba e outras entidades e empresas.
Os inscritos deberán cubrir un percorrido de 86 km no que o punto de saída e a liña de meta confluirán na praia fluvial de Vilalba. A saída está prevista para as 9.30 horas. Ás 14.00 horas, para repoñer forzas, levarase a cabo unha comida, e ás 18.30 horas terminará a ruta.
Como broche de ouro da xornada, ás 22.00 horas, haberá unha cea no restaurante Montero. Os coordinadores da ruta lembran que o traxecto pasa por camiños públicos, atravesando, ademais, zonas de vivendas. Por esa razón, recoméndase precaución e máximo respecto polas normas de tráfico.