Vilalba acolle o XIII Festival Solidario de Mans Unidas a favor da educación en Senegal

TerraChaXa
Actuarán este ano o pianista Aurelio Chao, as actrices Estrella Naseiro e Nena Carmen e a AC de Andrade
festival-solidario-mans-unidas-vilalba
28 Mar 2025

Este sábado, 29 de marzo, ás 20:00 horas, celebrarase no Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba o XIII Festival Solidario de Mans Unidas, cun cartel de luxo que combina música, teatro e tradición. O evento, presentado pola escritora María Xosé Lamas, busca recadar fondos para o proxecto solidario Fomento dun entorno escolar seguro para adolescentes e mozas en Thies (Senegal), promovido pola ONG Red Siggil Jigeen.

O obxectivo deste proxecto é loitar contra a violencia de xénero nos centros educativos de Senegal, un país onde se estima que o 46% das nenas son vítimas de violencia sexual e moitas sofren matrimonios e embarazos prematuros. A iniciativa beneficiará directamente a 2.875 persoas e alcanzará a unhas 13.700 máis de maneira indirecta, cun investimento de 59.273 euros.

O festival contará coa participación do pianista Aurelio Chao Fernández, unha figura de recoñecido prestixio con ampla traxectoria como concertista e investigador. Natural de Vilalba, é director do Conservatorio Profesional da vila desde 1988 e profesor na Universidade da Coruña.

Tamén actuarán as actrices Estrella Naseiro e Nena Carnen, que presentarán unha das súas coñecidas obras teatrais cheas de humor e realismo, así como a Asociación Cultural de Andrade, que ofrecerá un espectáculo de baile e música tradicional galega con pezas como a Muiñeira de Limiñoa, a Danza das Burgas ou a Muiñeira de Armenteira.

O evento está organizado por Mans Unidas Vilalba e conta coa colaboración do Concello de Vilalba, a Imprenta Junor e a Unidade Pastoral de Vilalba. As entradas teñen un prezo de 5 euros, e todo o recadado destinarase a esta causa solidaria.

Mans Unidas, como organización da Igrexa Católica en España, traballa desde hai anos na loita contra a fame e a pobreza, financiando proxectos de desenvolvemento en países desfavorecidos. Este festival é unha oportunidade para colaborar e, ao mesmo tempo, gozar dun evento cultural único.

⚙ Configurar cookies
0.42683720588684