Vilalba acolle un concerto audiovisual en homenaxe ao fotógrafo José Suárez

TerraChaXa
O proxecto conta coa dirección artística do músico Rafael Fernández e está a desenvolverse en colaboración co sobriño do fotógrafo, Xosé Luis Suárez Canal
concerto-audiovisual-vilalba-jose-suare
5 Mar 2026

O Auditorio Municipal de Vilalba acollerá este venres, 6 de marzo, unha proposta cultural que rende homenaxe á vida e á obra do recoñecido fotógrafo galego José Suárez, considerado un dos nomes máis destacados da fotografía en Galicia.

A presentación da iniciativa correu a cargo da concelleira de Cultura, Mónica González, e do vicealcalde, Modesto Renda, que destacaron o valor artístico dun proxecto que combina música e creación audiovisual para recuperar e divulgar o legado do autor.

A obra consistirá nun concerto de música orixinal composta para guitarra eléctrica, arpa e teclado, que será interpretada en directo mentres se desenvolve unha videocreación baseada en imaxes do propio fotógrafo. Durante a actuación proxectaranse fotografías orixinais dixitalizadas de José Suárez, así como fragmentos de gravacións en formato 8 milímetros tamén recuperadas e adaptadas para esta ocasión.

O proxecto conta coa dirección artística do músico Rafael Fernández e está a desenvolverse en colaboración co sobriño do fotógrafo, Xosé Luis Suárez Canal, co obxectivo de ofrecer unha nova lectura da obra e da traxectoria do artista a través da música e da imaxe.

O espectáculo terá lugar ás 20:30 horas no Auditorio Municipal e a entrada será gratuíta ata completar aforo. A proposta forma parte da programación cultural impulsada polo Concello de Vilalba para achegar á cidadanía iniciativas artísticas innovadoras vinculadas ao patrimonio cultural galego.

0.13190507888794