Vilalba acolle unha sesión de cinefórum coa proxección de 'O Autostopista', de Ida Lupino

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o vindeiro xoves 12 de xuño de 2025, ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Vilalba, unha nova sesión de cinefórum coa proxección da película O Autostopista, dirixida por Ida Lupino. O acto contará coa presentación e posterior coloquio a cargo de Martin Pawley, programador e crítico cinematográfico.
O filme, considerado un clásico do cine negro, narra a historia de dous amigos norteamericanos que viaxan por México en busca de descanso e aventura.
No camiño recollen a un autostopista que pronto revela ser un perigoso asasino fuxido da xustiza. O que parecía unha escapada tranquila convértese axiña nunha angustiosa loita pola supervivencia, marcada por unha atmosfera opresiva e chea de tensión psicolóxica. O Autostopista foi pioneira no seu xénero ao ser a primeira película de cine negro dirixida por unha muller, consolidando a Ida Lupino como unha figura clave na historia do cinema.
A sesión está aberta ao público e pretende ser un espazo de reflexión e diálogo arredor dun título fundamental do cine clásico.