Vilalba acolle unha xornada sobre talento e inserción laboral no sector lácteo organizada por Medrar e ONG Rescate

TerraChaXa
O encontro, que terá lugar na sede da Asociación de Empresarios de Vilalba, debaterá sobre a crise do relevo xeracional e o potencial da inserción laboral de persoas migrantes
vacas-tenreira-galega
9 Dec 2025

A consultora Medrar, en colaboración coa ONG Rescate, celebra este xoves 11 de decembro en Vilalba a xornada Oportunidades e desafíos para a atracción de talento e para a incorporación de persoal laboral no sector lácteo en Galicia. O encontro, que terá lugar na sede da Asociación de Empresarios de Vilalba, procura abrir un espazo de reflexión sobre dous retos cruciais para o futuro do sector: a crise do relevo xeracional nas ganderías e industrias lácteas, e o potencial da inserción laboral de persoas migrantes como man de obra especializada e comprometida co rural galego.

O programa inclúe dúas mesas de debate. A primeira contará con representantes de cooperativas, da universidade e da industria, que analizarán as necesidades actuais do sector e as dificultades para atraer novo talento. A segunda mesa estará centrada en experiencias directas, coa participación dunha gandeira beneficiaria de programas de apoio, dun traballador migrante integrado profesionalmente no rural e da propia ONG Rescate, que achegarán diferentes perspectivas sobre os procesos de adaptación e integración laboral.

A organización considera que esta xornada pode resultar de interese para profesionais do sector, entidades sociais e a veciñanza en xeral, para promover unha maior participación e reforzar o debate sobre o futuro da industria láctea galega.

⚙ Configurar cookies
0.080087900161743