Vilalba acollerá a primeira edición dun mercado de segunda man co nome Vintalba

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, presentaron hoxe a primeira edición do mercado de segunda man de Vilalba que levará o nome de Vintalba.
“Unha proposta coa que damos continuidade á iniciativa posta en marcha para dinamizar a zona da Praza de Santa María os días de feira mensual” explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, quen adiantou que “precisamente por iso, esta primeira edición do mercado de segunda man celebrarase na Praza de Santa María o domingo 8 de xuño, coincidindo coa nosa feira mensual”.
En canto ao funcionamento do mercado, os interesados poderán expor os seus produtos nos postos instalados polo Concello. “Calquera artigo de segunda man nun bo estado de conservación: dende roupa, calzado ou accesorios, ata electrodomésticos, mobles, xoguetes e un longo etcétera” apuntou a rexedora, Marta Rouco.
“Como requisito para poder participar deberán ter un mínimo de 20 produtos para vender ou intercambiar” subliñou a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, quen explicou que “esta primeira edición terá un horario continuado de 10 a 15 horas”.
As persoas interesadas en participar, que deberán ser particulares maiores de idade ou asociacións sen ánimo de lucro, poden inscribirse cubrindo o formulario anexo ás bases dispoñibles en www.vilalba.gal e “deberán envialo entre o 12 e o 26 de maio por correo electrónico a feiras@vilalba.es”, aclarou Paula Vigo.
Finalmente, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, animou aos veciños e veciñas “a participar neste mercado que ademais de contribuír a dinamizar a nosa vila é unha ferramenta idónea para dar unha segunda vida ás nosas pertenzas, reducindo o desperdicio e facendo un uso máis eficiente dos nosos recursos”.