Vilalba acollerá a primeira escola de igualdade
As xornadas están promovidas pola Área de Igualdade, o Centro de Información ás Mulleres e a Asociación Feminista de Vilalba, co obxectivo de visibilizar o papel da muller na sociedade e xerar espazos de aprendizaxe contra as violencias machistas.
Vilalba anuncia a primeira Escola de Igualdade, un espazo de formación, prevención e sensibilización contra as violencias machistas e en pro da igualdade. Co lema A igualdade, a meta. O feminismo, o camiño, desde a Área de Igualdade e o CIM, xunto coa Asociación Feminista de Vilalba, lanzan esta iniciativa que terá lugar os vindeiros 15 e 16 de outubro.
A Escola de Igualdade de Vilalba pretende ser un lugar de encontro entre mulleres e de aprendizaxe, con dous xornadas de conferencias e mesas redondas onde se abordarán temas como as violencias machistas no confinamento, os conceptos ao redor do feminicidio ou a cousificación do corpo das mulleres. Relatoras de primeiro nivel, estudosas das políticas de igualdade e violencia de xénero, integran este cartel.
Eliana Martíns, integrante de Xornalistas de Galicia e responsable da comunicación do Colexio Oficial de Psicoloxía dará unha conferencia titulada “A pandemia na sombra. Violencia contra as mulleres no confinamento”. Miguel Lorente, Delegado de Goberno para a Violencia de Xénero no Ministerio de Igualdade (2008-2011), titular de Medicina Legal da Universidade de Granada e Médico Forense, profundizará sobre as causas e consecuencias da violencia de xénero.
A filósofa e ensaísta Carme Adán, compoñente da Comisión Técnica de Xénero do Consello da Cultura Galega, falará sobre as violencias feminicidas, conceptos e leis.
A cousificación do corpo das mulleres será tratada por Yolanda Domínguez, artista visual experta en comunicación e xénero, Fátima Arranz, titular de Socioloxía na Universidade Complutense de Madrid, e Ana Dolores Verdú, doutora en Estudos de Xénero, profesora na Universidade Técnica Particular de Loja (Ecuador). Esta mesa redonda estará moderada por María Valcárcel, profesora da USC, xornalista e xestora cultural.
Ademais, as xornadas abriranse cunha mesa local organizada pola Asociación Feminista de Vilalba, unha aposta do colectivo por poñer en valor o papel das mulleres vilalbesas en distintos sectores, e que agora integra a Escola de Igualdade. Logo de visibilizar ás vilalbesas con proxectos no rural, emprendedoras e empresaria, ou destacadas no mundo dos deportes, agora serán as profesionais das artes visuais as que tomen a palabra. A debuxante e pintora Isabel Pardo, a creadora audiovisual Iria Silvosa e a fotógrafa Yolanda Purriños porán en valor a través das súas experiencias o traballo das mulleres neste eido.
Haberá prazas limitadas para asistir ás xornadas, de modo que as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico cos seus datos (Nome, apelidos, DNI, correo electrónico e número de teléfono) á dirección igualdade@vilalba.es, tendo como prazo máximo de inscrición o 12 de outubro.
Desde a organización animan a acudir a esta Escola “para fomentar o debate sobre a igualdade e empregar os coñecementos como ferramentas imprescindibles para a consecución real dunha sociedade libre de violencias machistas”.